PONTÓN CARGA CONTRA O NULO ROL DA XUNTA

BNG e Acerga comparten diagnóstico sobre o recorte de capturas decretado pola UE

BNG e Acerga comparten diagnóstico sobre o recorte de capturas decretado pola UE
Ana Pontón e Montse Prado, coa Asociación de Armadores do Cerco (Acerga)
Ana Pontón e Montse Prado, coa Asociación de Armadores do Cerco (Acerga)  Foto: BNG

O sector do cerco criticou os novos recortes na capacidade produtiva da frota galega aprobados por unanimidade na madrugada do 13 de decembro polos ministros de Pesca da UE. Esta segunda feira, unha delegación do BNG mantivo unha reunión no Parlamento galego con dirixentes da Asociación de armadores do cerco de Galiza (Acerga). Ao termo do encontro, nunha conferencia de imprensa conxunta, Ana Pontón puxo no albo das críticas o rol da Xunta nas negociacións.


O 13 de decembro, Andrés García, portavoz de Acerga, declarou a Sermos Galiza: "O cerco é o que sae máis prexudicado da negociación". "Deíxanos nunha situación preocupante", engadía.

 

Con efeito, o acordo do Consello de Pesca da UE cortaba as capturas da xarda en 20 por cento e do xurelo ao sul de Fisterra en 24 por cento. Esta última tesourada compénsase en parte -mais só en parte, dados os recortes acumulados dos últimos tres anos- cunha suba de 20 por cento nos caladoiros do Cantábrico.

 

O BNG coñeceu de primeira mao as críticas de Acerga a este acordo da UE ao manteren unha reunión esta segunda feira no Parlamento da Galiza. No encontro posterior cos meios, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou contra o executivo de Feijóo polo seu papel -nulo aos ollos da formación nacionalista- na negociación en Bruxelas. 

 

Nese sentido, a líder nacionalista demandou ao goberno galego que deixe de interpretar o papel de "comparsa" nunha delegación estatal "en que a frota galega non ten peso político", polo que "sempre acabamos perdendo". 

 

As secuelas no emprego

 

O recorte nas capacidades produtivas do cerco non vai ser inocuo en termos de emprego. "Que proxecto empresarial pode ter un barco que non sabe con que capacidade de pesca vai contar o ano que vén?", perguntouse Ana Pontón, quen estivo acompañada da deputada Montse Prado. 

 

Estaríamos a falar de por volta de 6.000 empregos -1.500 mariñeiros embarcados, 4.500 postos de traballo en terra- que, enfatizou Pontón, non deberían depender do "albur de institucións europeas" nen deberían sofrer as consecuencias decorrentes do "desamparo do goberno galego e goberno central".

 

Perante esta situación -con este reparto de cotas "o sector non pode vivir", dixo na conferencia de imprensa o presidente de Acerga, Xosé Blanco-, o BNG vai apresentar iniciativas nos parlamentos galego e europeu a prol dunha repartición de direitos de pesca máis "xusta" e dun "modelo" que non aboque a frota a ser despezada.

 

O espectro dos desguaces foi tamén invocado por Xosé Blanco. A despezar barcos estaría a se ver empurrado o sector por culpa do recorte das capturas. "Que problema ten Bruxelas para querer quitar do mapa Galiza", perguntouse o presidente de Acerga.



x