O BNG pide que o imposto sobre a electricidade baixe até 4 por cento

O BNG pide que o imposto sobre a electricidade baixe até 4 por cento
Noa Presas, esta sexta feira
Noa Presas, esta sexta feira  Foto: BNG

A deputada Noa Presa compareceu en rolda de prensa esta sexta-feira para informar sobre a proposta que levará ante a cámara e coa que a formación nacionalista esixe a rebaixa do IVE da factura eléctrica para que pase a ser superreducido.


Presas considera que, nun contexto social de xeneralizada perda do poder adquisitivo, é un deber garantir acceso da cidadanía á electricidade.

 

“Esta semana vimos con preocupación os dados do Instituto Galego de Estatística, que amosan como máis da metade das familias galegas teñen dificultades para chegar a fin de mes”, apunta a parlamentar. Segundo ela, as familias galegas asumen “uns dos IVE mais altos de Europa, por detrás dos países nórdicos e Portugal”, co agravante de que tamén hai que engadirlle máis impostos, como a taxa especial de electricidade ou a do aluguer dos equipos de medición. “É como se tivésemos un IVE duplo, e entendemos que hai que reverter esta situación”, afirma.

 

É por isto que o BNG pretende propor unha rebaixa do IVE actual –de 21%– ao superreducido, de 4%, o cal suporía que cada factura abaratase máis de 16%. Ante a previsíbel suba de 10% que se espera na factura da luz para este novo ano, Presas insiste en que “cómpre tomar medidas para axudar a que a maioría de persoas do país poidan pagar con facilidade”.

 

“Aínda que tivemos un ano complexo a nivel metereolóxico, factor que pode incrementar a factura, o certo é que 80% desta son custes regulados, polo que hai decisións políticas a tomar con urxencia para abaratala”, acusou Presas. A nacionalista sinalou concretamente a pasividade do Partido Popular á hora de tomar medidas para axudar a cidadanía, con dificultades para asumir “algo tan elemental como a factura eléctrica”.

 

Máis recadación e menos emprego

 

A deputada ourensá non dubidou en tachar de “impositivas e abusivas” as políticas do Partido Popular á hora de fixar as taxas públicas. “Estamos nunha situación estatal na que hai máis nivel de recadación mentres o nivel de empregabilidade non retornou aos niveis previos á crise, e non podemos permitir mais tempo este abuso”, criticou.

 

Ao mesmo tempo, Noa Presas tamén reafirmou o compromiso público do BNG coa cuestión da electricidade, “tanto con todo o que ten que ver coa suá fiscalidade, como todo o que teña que ver coa transición enerxética ou o aproveitamento deste recurso como país excedentario en produción eléctrica que é Galiza”.



x