EMENDA Á TOTALIDADE ÁS CONTAS DA XUNTA

BNG propón pasar o orzamento contra a violencia machista de 5 a 95 millóns de euros

BNG propón pasar o orzamento contra a violencia machista de 5 a 95 millóns de euros
Noa Presas
Noa Presas  

O BNG apresentou esta cuarta feira a súa emenda á totalidade ás contas da Xunta. Xúlgaas "continuistas" cos recortes e denuncia que a única partida "expansionista" é a da débeda pública.


Noa Presas compareceu esta cuarta feira en comparecencia de imprensa para apresentar a emenda á totalidade do BNG ás contas galegas para 2017.

"Os orzamentos enviados pola Xunta non servirán para reactivar a economía nin para garantir políticas sociais indispensábeis na loita contra a desigualdade e a favor da cohesión", dixo a parlamentar nacionalista.

O BNG estima que os orzamentos consolidan "os recortes en servizos públicos e sociais". Presas cifrou en 10 mil millóns de euros o valor do que leva retallado Feijóo desde que alcanzou o poder político na Galiza, en 2009.

Catro son os eixos que sustentan a alternativa orzamental do BNG ás contas da Xunta: a priorización do gasto social, a blindaxe dos servizos públicos visando o progresivo resgate das privatizacións, a aposta nun modelo produtivo baseado no I+D+I e o combate enérxico contra a violencia de xénero.

Neste último epígrafe o BNG apresenta unha alternativa concreta aos números da Xunta: propón que a partida orzada polo Goberno galego contra a violencia machista pase dos 5 millóns de euros, unha cantidade que xulga moi insuficiente para desenvolver a lei galega, aos 95. Isto é, o BNG propón que a Xunta destine 90 millóns de euros máis, por volta do 1 por cento das contas galegas. "Pensamos que é un problema de máxima urxencia e para iso hai que ter recursos e revisar todo o que, é obvio, non está funcionando nesta loita", dixo Presas.

12 millóns para a Renda de Garantía Social

En materia de política social, a proposta alternativa do BNG ás contas da Xunta pasa por habilitar unha partida de 12 millóns de euros encamiñada a financiar unha renda de garantía social, ben como outro fondo de por volta de 4 que se dirixa a atender os casos de exclusións social máis prementes.

Blindaxe de servizos sociais e reversión de privatizacións

Neste capítulo o BNG propón destinar 115 millóns de euros para recuperar a xestión pública do Hospital de VIgo e outros centros, 105 millóns para atacar o problema das listas de espera, 54 para contratar máis persoal sanitario e outros 60 para financiar un plan de mellora da atención primaria. Canto ao ensino, as emendas nacionalistas serían para abrir partidas para contratación de profesoras e profesores (22 millóns), bolsas universitarias (14) e accións que visen o impulso a cultura galega (22).

Sectores produtivos

Para pór o país a producir, o BNG propón destinar 55 millóns de euros a un Plano de Industrialización, 30 para financiar actividades pesqueiras e 40 para o o medio rural.

E como se financia todo isto?

Os recursos terían de saír, explicou Presas, da aplicación dunha "política fiscal máis progresiva". En concreto, de gravar os "grandes patrimonios" e da creación dun imposto ás grandes superficies comerciais. Todo iso resultaría en ingresos adicionais para as arcas galegas na contorna dos 130 millóns de euros.

Aliás, o goberno galego debería suprimir o "gasto superfluo ou prescindíbel, como o gasto corrente, de gabinete, o exceso de publicidade e a externalización de servizos".