CIMEIRA DO PODER MUNICIPAL DO BNG A PROL DO CONCERTO ECONÓMICO

"Por que Carmena ten máis recursos por habitante do que os alcaldes de Pontevedra ou Santiago?"

"Por que Carmena ten máis recursos por habitante do que os alcaldes de Pontevedra ou Santiago?"
Ana Pontón posa cunha ampla representación do poder municipal do Bloque
Ana Pontón posa cunha ampla representación do poder municipal do Bloque  

Os concellos galegos receben 50 euros por habitante menos do que a media estatal. A discriminación é máis notoria nas cidades. As galegas obteñen un promedio de 252 per cápita face os 499 euros de media das grandes urbes estatais.


O BNG continúa a súa batalla de ideas a prol da conquista do concerto económico para o país, isto é, a plena autonomía fiscal que consistiría en que Galiza recadaría todos os impostos e transferiría ao Estado só unha parte deles (para o financiamento dos servizos que Madrid presta aquí e tamén para engrosar unha conta que iría á cohesión territorial).

Nesa batalla o BNG exhibiu un novo argumento, o de que a aplicación do concerto económico permitiría mellorar sustancialmente o financiamento dos concellos galegos, claramente prexudicados, opinan desde a formación frontista, co actual modelo de participación nos ingresos do Estado, baseado en criterios que non ponderan con suficiencia factores como o avellentamento da populación e a dispersión habitacional.

E, para pór en evidencia este problema, a formación liderada por Ana Pontón reuniu esta cuarta feira en Compostela unha representación do poder municipal nacionalista, alcaldesas, alcaldes e responsábeis municipais.

"A miña pergunta é moi clara:  por que os alcaldes de Pontevedra ou Santiago teñen 249 euros menos por habitante que, por exemplo, a alcaldesa de Madrid, a señora Carmena, para financiar os servizos que prestan aos seus veciños e veciñas? Por que Pontevedra ou Santiago merecen menos recursos por habitante que Madrid ou outras grandes cidades do Estado?", perguntouse a líder nacionalista.

"Por que Pontevedra ou Santiago merecen menos recursos por habitante que Madrid ou outras grandes cidades do Estado?", perguntouse a líder nacionalista

Pontón puxo no albo Feijóo e confrontouno coa incongruencia de negar para Galiza, o concerto económico, aquilo que logo di considerar normal para Catalunya cando visita o Principat. "Empeñarse en pór os intereses de Génova [en alusión aos cuarteis xenerais do PP en Madrid] por diante dos de Galiza fainos perder 3.500 millóns de euros anuais e condúcenos á irrelevancia política", denunciou.

O BNG acordou nesta reunión levar aos concellos do país unha moción en defensa do concerto económico para Galiza. "Apostamos no concerto económico porque nos dá o control do noso diñeiro, achega 3.500 millóns de euros adicionais cos que blindar os servizos públicos e os servizos sociais e porque nos permite aplicar unha fiscalidade xusta", argumentou Pontou, quen ao tempo enfatizou que "non compramos a falsa ideia de que vivimos da soliedariedade do Estado".

Que números manexa o Bloque?

Basicamente son as cifras oficiais. De acordo cos últimos dados liquidados, correspondentes a 2014, Galiza achegou ao Estado en conceito de impostos 11.131 millóns de euros, en tanto que este transferiu ao noso país 7.043 millóns, segundo o actual modelo de financiamento. Pois ben, de aplicarmos a Galiza os criterios que se teñen en conta en Euskadi á hora de fixar o cupo (a cantidade que a Administración vasca paga a Madrid polos servizos que o Estado lle empresta, defensa, embaixadas, etc), o importe que tería de satisfacer unha Xunta en que estivese en vigor o concerto económico sería 630 millóns de euros. 

Se aos 11.131 millóns de euros que o país envía á facenda estatal lle restamos os 7.042 que devolve Madrid a Galiza, a cantidad resultante sería 4.089 millóns de euros. Se a ese monto se lle resta os 630 en que o BNG calcula o cupo, o saldo favorábel a Galiza ascendería a 3.458 millóns de euros.

 



x