SISTEMA TRIBUTARIO

Cando quen máis paga non é quen debería

Cando quen máis paga non é quen debería
Parque empresarial da Agrela, na Coruña
Parque empresarial da Agrela, na Coruña  

 O actual sistema tributario ten como principal beneficiario as grandes empresas, canto máis grandes mellor. De aí que a súa achega ao fisco vaia reducíndose. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no Sermos Galiza 291.


4O Informe de recadación da Axencia Tributaria deita luz sobre uns dados que radiografían unha realidade non sempre ben percibida. As grandes empresas pagaron apenas 7,3% do seu resultado contábel (diferenzas entre ingresos e gastos) de Sociedades. Menos de 6.300 millóns de euros. Por un resultado contábel que andaba nos 86.000 millóns de euros.

 

As pequenas e medianas empresas (pemes) apoquinaron perto de 12.700 millóns de euros. Pagan 12,2% do seu resultado contábel. Xa noutra orde, o IRPF anda de media en 15%.

 

Así pois, o debate continúa sobre a mesa: as grandes empresas (grupos consolidados) pagan menos impostos porcentualmente que as pequenas e medianas. Pagan, mesmo e a nivel mundial, menos impostos que antes da crise. Como revelou o Financial Times, desde 2008 os impostos efectivos sobre esas grandes compañías baixaron 5% mentres que paralelamente aumentaron en 6% sobre as persoas asalariadas e consumidoras. Se comparamos desde 2000 até agora, eses impostos efectivos caeron de 34 a 24%.

 

A quen beneficia?

 

Centrándonos no Estado e na Galiza, Carlos Cruzado, do sindicato de Técnicos de Facenda (Gestha) lembra que máis das tres cuartas partes das vantaxes tributarias do Imposto de Sociedade “son utilizadas apenas por 0,32% do tecido empresarial”. Unha liña na que abonda José A. Ocampo, da Comisión Independente pola reforma da fiscalidade corporativa, que insiste en que “as grandes empresas son as principais beneficiarias do actual sistema tributario”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 291 do semanario Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x