Cee e Dumbría arroupan os traballadores en greve de Ferroatlántica

Cee e Dumbría arroupan os traballadores en greve de Ferroatlántica
Imaxe: CIG
Imaxe: CIG  

Centos de persoas enchen a Praza do Concello de Cee ao lema “As nosas centrais non se venden”. O Comité cifrou nun 100% o seguimento do paro nas factorías da Costa da Morte.


Centos e centos de persoas, por volta de 5.000 segundo a organización e case 7.000 segundo outras fontes, participaron na manifestación que finalizou na tardiña desta sexta feira na Praza do Concello de Cee respondendo así á convocatoria do comité de empresa das factorías de Ferroatlántica na Costa da Morte. A veciñanza amosaba así o seu apoio á greve que este 10 de marzo protagonizaron os traballadores. Un paro desde as 6:00 da mañá até as 6:00 da madrugada do sábado, collendo así as tres quendas. A reivindicación, a mesma que o cadro de persoal leva demandando todos estes meses, desde que se coñeceu que Villar Mir quería vender as centrais hidroeléctricas.

O comité cifrou o seguemento do paro nun 100% mentres que a empresa reducía a porcentaxe a menos dun 50% na quenda da mañá. A propia empresa fixou uns servizos mínimos que o comité cualificou de abusivos pois abranguían o 40% dos operarios.

Pola tarde, unha manifestación partiu da factoría de Brens para se dirixir até o epicentro de Cee. Na mesma, para alén de traballadores e veciños, tamén estiveron presentes representantes de organizacións sindicais e de forzas políticas como BNG, coa súa portavoz Ana Pontón, En Marea ou PSdeG.

"A convocatoria de folga é a nosa resposta ao anuncio do acordo de venda da centrais hidroeléctricas e o inicio das xestións diante da autoridade bursátil norteamericana. Ante a confirmación de que o Grupo Villar Mir prosegue  adiante con esta operación especulativa, bloqueando calquera tipo de diálogo coa representación do persoal", argumentaban o paro desde o Comité de Empresa.



x