REPORTAXE ÍNTEGRA NO SG217

A China entra na economía galega

A China entra na economía galega

A inminente compra por unha empresa chinesa -participada polo Estado chinés- do RC Celta pon sobre o tapete como o capital deste país asiático está a entrar na Galiza, onde recae perto do 56% do investimento chinés no Estado español. No Sermos Galiza 217, xa dispoñíbel na loxa, publicamos unha ampla reportaxe ao respeito. Eis un extracto.


Galiza está de moda para o capital chinés. Após lustros en que a súa presenza no noso país era máis que discreta, colleu pulo nos últimos anos: 300 millóns de euros investidos nestes catro exercicios, unha cifra que, en breve, poida que se amplíe a 500 millóns de se consumaren as últimas operacións de adquisicións que negocian firmas de Pequín, entre elas, a do Real Clube Celta.

Cando no 2009 China facía o seu primeiro grande investimento no Estado español, Unicom mercaba o 1% das accións de Telefónica por 1.000 millóns de euros, na Galiza falar de negocios e chineses remitíanos aos restaurantes e servizos de comida rápida que proliferaran nestas décadas nas cidades galegas. Pouco había de tardar en cambiar o “chip”. No 2011, o capital chinés mercaba a través do holding City Group a caldereira do Porriño Gándara Cesa, fundada en 1965 e cun cadro de persoal de máis de 300 operarios e operarias. O ano anterior, 2010, facturara uns 21 millóns de euros. Os chineses desembolsaron, a maiores dos 54 millóns pagados por comprala, 50 millóns de euros para mellorar a produción.

Disparo de saída

Foi o disparo de saída para a chegada a Galiza dun capital chinés que, como afirma o economista Joam Lopes Facal, “sempre anda á caza de oportunidades”. Adquiriron os estaleiros Rodman por 78 millóns de euros en 2015 e a conserveira Albo por 69 millóns nunha operación consumada a comezos de 2016. Nese sector, o conserveiro, xa tantearan anteriormente con interese a posibilidade de se faceren co 40% dun xigante como Jealsa-Rianxeira ou entrar en Garavilla. Non callaron.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 217, xa dispoñíbel nos quiosques e na loxa]