MANIFESTACIÓNS EN TODA GALIZA

CIG insta a camiñar cara a unha folga xeral en defensa das pensións públicas

CIG insta a camiñar cara a unha folga xeral en defensa das pensións públicas
Mobilización da CIG en Vigo
Mobilización da CIG en Vigo  

Contáronse por milleiros as persoas que este domingo, 15 de abril, saíron á rúa en toda Galiza para reclamaren unhas “pensións dignas para hoxe e mañá” nas perto de 40 mobilizacións convocadas, por unha banda pola CIG, e pola outra por UXT e CCOO, sindicatos que aprobaran en 2011 a reforma que implicou o atraso na idade de xubilación ou a restrición ás xubilacións anticipadas.


Nas mobilizacións da CIG convocadas en defensa do sistema público de pensións e para esixir a recuperación dos dereitos laborais e sociais furtados reclamouse a “derrogación das reformas das pensións, laborais e da negociación colectiva como única alternativa para frear a pobreza e a precaridade”.

 

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, afirmou ao remate da manifestación realizada en Lugo que “se queremos evitar o risco de vivir en peores condicións que as xeracións anteriores, a clase traballadora ten que afrontar o desafío de intensificar a mobilización”. “Por iso, hoxe e de cara ao próximo 1º de Maio, desde a CIG facemos un chamamento para camiñar cara a unha folga xeral, conscientes do que significa, pero no convencemento de que é a resposta necesaria ante o que estamos a vivir”, agregou.

 

Na súa intervención, Carril  apostou nesa greve xeral "para que o PP non siga facendo ouvidos xordos ao clamor social en demanda de pensións dignas; porque é o instrumento que temos para demostrarlle ao poder político e económico a nosa disposición de resistencia; pero tamén para loitar pola recuperación dos nosos dereitos e como a mellor maneira de responder aos abusos da patronal que se ve con todo a favor con este goberno e con estas leis”.

 

“Desde a CIG estamos convencidos e convencidas de que é a loita da clase traballadora e do pobo galego a vía fundamental para a defensa e conquista de dereitos", afirmou Carril

 

"Camiñarmos cara a folga xeral tamén para dar resposta ás privatizacións e retallos nos servizos públicos e como resposta ao retroceso de liberdades democráticas e dos dereitos fundamentais a través da Lei Mordaza e da reforma do Código Penal", afirmou Carril, quen lembrou a represión que sofren traballadores como Carlos e Serafín. “Desde a CIG estamos convencidos e convencidas de que é a loita da clase traballadora e do pobo galego a vía fundamental para a defensa e conquista de dereitos, para acadar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas”, agregou.

 

Contra a propaganda

 

O secretario xeral da CIG cargou contra a propaganda sobre o crecemento económico e a recuperación da economía “coa que a diario nos bombardean”, cando na realidade “todos os indicadores públicos e oficiais evidencian que se está a producir un empobrecemento xeneralizado, de tal modo que, hoxe en día, ter un traballo non garante vivir en condicións dignas”. Así, cualificou a situación actual como unha “emerxencia nacional e social” debido ao asentamento imparábel da precariedade, dos baixos salarios, da pensións de miseria, do avance da pobreza e da explotación laboral.

 

O secretario xeral da CIG responsabilizou da situación descrita á imposición das reformas laborais “primeiro co goberno do PSOE e despois co PP”, sociais e das pensións. A este respeito sinalou que a modificación de 2011 aprobouse co apoio de UXT e CCOO. Citou tamén as privatizacións e recortes nos servizos públicos e toda a batería de medidas “destinadas a saquear a maioría social”.

 

Aliás, Carril denunciou a negativa do goberno de Feixóo a tomar iniciativas que “permitan que a riqueza dos nosos recursos sirva para crear emprego digno e industrialización na nosa terra e axudar a frear a sangría da emigración e non para encher máis os petos de quen cada vez acumula máis riqueza lonxe de Galiza”.

 

Carril amosouse moi crítico coa “incapacidade das teóricas forzas da esquerda española para adoptar iniciativas que permitan tirar abaixo todas as políticas e contrarreformas que tanto dano fan á clase traballadora”

 

A nivel estatal, criticou que o PP, aínda estando en minoría, manteña “con man de ferro” as súas políticas e protagonice a diario “episodios de corrupción, que pretende agochar coa tiranía e a represión policial e xudicial, criminalizando a resposta social”. Amosouse moi crítico coa “incapacidade das teóricas forzas da esquerda española para adoptar iniciativas que permitan tirar abaixo todas as políticas e contrarreformas que tanto dano fan á clase traballadora”. “Teñen máis preocupación polo máster de Cifuentes que por parar o PP e os efectos das reformas laborais e sociais impostas”, engadiu.

 

Protestas de UXT e CCOO

 

Tamén realizaron protestas UXT e CCOO, sindicatos que apoiaran en 2011 a reforma das pensións que provocara o atraso na idade de xubilación, a restrición das xubilacións anticipadas e o aumento do período de cómputo. Esta reforma fora asinada, alén destes sindicatos estatais, pola CEOE, por CPYME e polo PSOE e chegara a desembocar nunha folga xeral convocada en solitario pola CIG.

 

O secretario de CCOO na Galiza, Ramón Sarmiento, reclamou desde a protesta de Vigo que “finalice a campaña de cuestionamento da viabilidade do sistema público de pensións”, dado que “son fundamentais as de hoxe, mañá e pasado”. Nesta liña, defendeu a apertura de negociacións para chegar a un acordo que “asegure non só os actuais pensionistas, senón os do futuro” e mais a derrogación da actual reforma laboral e da reforma das pensións aprobada polo PP en 2013.

 

Antonio Queiro, portavoz da Unión de xubilados e pensionistas da UXT, censurou as “mentiras do goberno” e criticou a suba do 0,25%, “o goberno trata de enganarnos con números falsos, e poñernos os uns contra os outros”.

 

Participación política

 

Luís Villares, portavoz de En Marea, estivo presente nas mobilizacións tanto da CIG como de UXT e CCOO e, en declaracións aos medios, criticou “a ridícula suba do 0,25%” das pensión, “a xente após unha vida de traballo, ten dereito a chegar con dignidade a fin de mes”. Ademais, apostou na “revalorización das pensións acorde á suba de nivel de vida”, así como “a suba das pensións mínimas” e advertiu de que “moitas pensións galegas están a servir para completar a precariedade laboral que viven os fillos e os netos dos pensionistas”.

 

O representante de En Marea apuntou á necesidade de “viabilizar o sistema de pensións" e agregou, "hai que estar aquí non só polos pensionistas de hoxe, senón polos de mañá”. Concluíu as declaracións aos medios reivindicando “condicións dignas de traballo para a xente moza que non as ten” como garantía a unhas pensións dignas.

 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou na mobilización de UXT e CCOO en Vigo, onde avogou por “facer rectificar o goberno da dereita, que non quere garantir por lei o aumento das pensións co aumento do IPC e do nivel de vida”. O líder dos socialdemócratas afirmou que o PSdeG “vai marcar o seu apoio constante ao longo deste e os anos que veñen para voltar ao Pacto de Toledo e garantir por lei o incremento das pensións co IPC e o incremento das pensións mínimas”.

 

2Por outra parte, a deputada do BNG Olalla Rodil, que tomou parte da protesta da CIG en Lugo, puxo en valor o traballo do Bloque por “recuperar as condicións de traballo, que son o motivo polo cal está en cuestión o sistema público de pensións”. Apostou, neste sentido, por derrogar as reformas laborais de PP e PSOE, “non poderemos garantir un sistema público de pensións sen que recuperemos os dereitos laborais que nos foron roubados coa escusa da crise”.

 

A parlamentar nacionalista aproveitou a comparecencia perante os medios de comunicación para lembrar que UXT e CCOO apoiaron a reforma que subiu a idade de xubilación aos 67 anos e salientou que a CIG convocara nese momento en solitario unha greve xeral.



x