A débeda pública da Galiza bate un novo récord e supera xa os 11 mil millóns de euros

A débeda pública da Galiza bate un novo récord e supera xa os 11 mil millóns de euros
O diñeiro negro vai en aumento no Estado
O diñeiro negro vai en aumento no Estado  

Representa case 20% do PIB galego. En apenas un ano a débeda incrementou en 8,8%.


A débeda pública de Galiza xa supera os 11 mil millóns de euros, situándose nos 11.582 millóns, o que representa 19,8% do produto interior bruto (PIB) do noso país. Os datos que vén de publicar o Banco de España sinalan que entre o primeiro trimestre de 2016 e o primeiro trimestre deste ano, a débeda aumentou en case 9 por cento ao tempo que o seu peso a respecto do PIB incrementaba en case un punto.

 

Cando Núñez Feijóo chegou á Xunta de Galiza, en 2009, esta débeda era de menos de 5 mil millóns de euros, 4.859, e representaba 8,6% do PIB. Nestes anos, pois, disparouse en máis de 6.000 millóns de euros e o seu peso a respecto do PIB aumentou en once puntos.

 

Froito deste aumento, a débeda autonómica que soporta cada galego tamén experimentou un aumento considerábel. Se no 2009 esta era de 1.756 euros por galego, no 2015 xa abeiraba os 3.800 euros, o que supón 2.000 euros máis por persoa que cando Núñez Feijóo tomou posesión.

 

A débeda das empresas públicas non incluídas no sector das administracións públicas de Galiza é de 21 millóns de euros, o que supón tres millóns máis que no trimestre anterior mais un descenso de 9 millóns a respecto do mmesmo período 2016.