Erros no sistema de cálculo reducen as pensións que reciben persoas xubiladas de Galiza

Erros no sistema de cálculo reducen as pensións que reciben persoas xubiladas de Galiza

CIG puxo o caso en coñecemento do INSS, que recoñece a problemática, afirma a central, mais non achega solucións para evitar que se repita.

 


Erros no cálculo das pensións derivaron en reducións nas cantidades a percibir por parte de persoas xubiladas en Galiza, uns feitos denunciados pola CIG, que puxo os csos en coñecemento do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS). O sindicato nacionalista informa responsábeis deste organismo recoñeceron a existencia de problemas no programa informático utilizado para determinar a contía das prestacións “mais non explicaron de que xeito teñen pensado garantir que non se repitan”.

 

A CIG detectou a existencia de erros no cálculo das pensións na provincia de Pontevedra que provocan unha redución dos ingresos que por este concepto perciben as persoas xubiladas, xa que as bases de cotización da Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS) non coinciden coas bases reguladoras do cálculo que fai o INSS.

 

“O propio director provincial da TXSS asegurou que revisaron os casos chegados pola CIG e detectaron que a incidencia deriva das regras de xestión, filtros ou controis que ten implementados o programa ALFA para o cálculo das pensións”. Neste senso, indicou que estes problemas poden ser revisados e depurados pola persoa xestora no trámite de recoñecemento da pensión ou na fase de reclamación previa. Pero nada dixo de que xeito pensan evitar que se volvan producir.

 

Na central sindical cualifican de “irresponsábel” a actitude das persoas e dos organismos encargados de tramitar unhas pensións públicas cuxas contías son na maioría dos casos “miserentas” e que debido a estes desfases se reducen todavía máis. bPolo tanto esixen a revisión dun sistema de cálculo das pensións “que entendemos resulta prexudicial para as persoas xubiladas, xa que nos atopamos con que ás xa de por si cativas prestacións súmase agora o feito de que tende a redondealas á baixa”, en palabras do secretario confederal de Negociación Colectiva, Paco Sío

 

Estes erros no cálculo das pensións descubríronse por primeira vez hai xa tres anos, cando os servizos xurídicos da Unión Local da CIG do Porriño atoparon durante a revisión dun expediente diferenzas importantes entre as cantidades que figuraban no informe da Tesourería e as recollidas na resolución final do INSS. A partir de entón todos os casos que se analizan presentan deficiencias similares, o que supón un prexuízo para as persoas afectadas “xa que, curiosamente, sempre se equivocan á baixa”. 



x