FEIJÓO TERÁ DE DEFENDER A SÚA POLÍTICA ORZAMENTAL NO CPFF

O Estado reducirá o teito de gasto en 5.000 millóns de euros

O Estado reducirá o teito de gasto en 5.000 millóns de euros
O ministro de Facenda
O ministro de Facenda  

O ministro de Facenda anuncia o recorte do teito de gasto para 2017 en 5.000 millóns de euros. Feijóo, en troca, quer aumentar o seu limiar en 259. Terá que discutilo co Estado no Consello de Política Fiscal e Financeira.


Na súa investidura, Feijóo anunciou o fin dos recortes e o comezo dunha era de expansionismo orzamental. A chave de bóveda, o incremento do teito de gasto para 2017. Ignoraba naquel momento que o dono das finanzas tiña outros planos.

Esta terza feira, o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, anunciou no Senado que o teito de gasto para 2017 íase reducir en por volta de 5.000 millóns de euros. Nun Estado como o español, onde os recursos fiscais están basicamente centralizados (a excepción de Euskadi e Nafarroa), un anuncio deste tipo atinxe todos os entes políticos, desde os concellos até as comunidades autónomas. Montoro apañou nas patacas Ciudadanos, a formación laranxa que trombeteara alegremente, en declaracións á imprensa, que os recortes remataran e que en 2017 as administracións públicas irían contar con máis recursos para gastar e para, consecuentemente, mover a economía.

Montoro non fixo o papel de polícia mao. As súas declaracións foron respaldadas, tamén na Cámara alta, por Mariano Rajoy, quen botou man do coñecido expediente de que non se pode gastar o que non se ten. O presidente do goberno español ten na cabeza as exixencias de recorte de défice de Bruxelas para 2017: 5.500 millóns menos, practicamente a mesma cantidade anunciada por Montoro como redución do teito de gasto.

Desde 2012, a Lei Orgánica de Estabilidade Orzamental atinxe tamén as comunidades autónoma

En realidade, fontes do ministerio de Facenda apresáronse a esclarecer que o recorte non será de 5.000 millóns de euros porque esa cantidade absorbe a diminución dos xuros da débeda pública (o Estado terá de pagar 2.000 millóns menos por créditos financeiros, o cal significa que en realidade a tesourada ao gasto público será por volta dos 3 mil millóns).

En que afecta isto Galiza? En moito, desde 2012, ano en que a maioría absoluta impuxo a modificación da Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade Orzamental e Sustentabilidade Financeira, o teito de gasto atinxe non só o Estado, mais tamén as comunidades autónomas e as corporacións locais. Antes non era así. Antes o teito de gasto decidido por Facenda só concernía a administración estatal.

O problema, por tanto, teno neste momento Feijóo. A Xunta anunciou un incremento do teito de gasto en 259 millóns de euros para 2017. O Parlamento terá aínda de o aprobar. Como conxugar ese incremento na Galiza co decrecimento no Estado? Do ponto de vista teórico, non hai problema. En 2016, o teito de gasto no Estado decreceu (4,4 por cento), mentres que si aumentou na Galiza (5,2 por cento, en boa parte por ser ano eleitoral). Con todo, o anuncio de Montoro xera dúbidas sobre o cumprimento das previsións de Feijóo, xa cuestionadas polas forzas da oposición, nomeadamente porque o aumento para 2017 (o 2,9%) é inferior ao producido no actual exercicio.

En 2016, o teito de gasto no Estado decreceu (4,4 por cento), mentres que si aumentou na Galiza (5,2 por cento, en boa parte por ser ano eleitoral)

Facenda terá de convocar agora as comunidades autónomas o Consello de Política Fiscal e Financeira para dar audiencia aos entes subestatais. A situación política é neste momento moi instábel no Congreso dos Deputados -como se viu esta terza feira ao aprobar a oposición, coa abstención de Cs, unha proposición de lei de Unidos Podemos para incrementar o salario mínimo interprofisional-, así que tampouco sería desbotábel que unha presión desde os territorios puidese obrigar Montoro a reconsiderar a súa decisión.

Tensións Montoro-Guindos

En realidade, tampouco dentro do goberno Rajoy hai consenso fechado sobre esta cuestión. Cs revelou esta terza feira que foi o departamento de Economía, liderado por De Guindos, o que lle filtrou que o teito de gasto para 2017 ía se incrementar. Isto indicaría que as tensións entre Montoro e o ministro de Economía, que xa marcaron a pasada lexislatura, estarían moi lonxe de se amorteceren.

Quen podería desequilibrar a balanza, nunha dirección ou noutra, podería ser Bruxelas, mais tamén desde as autoridades comunitarias se envían sinais contraditorios. Por unha banda, está a indicación de que o Estado español debe reducir o seu déficit público en 5.500 millóns de euros, mais ao mesmo tempo se preconiza un aumento do gasto no conxunto da Unión por volta dos 50 mil millóns, un novo estímulo fiscal para dar impulso a unha economía que non acaba de repuntar e que continúa a se ver lastrada por un paro masivo (esta conversión keynesiana da Comisión europea en parte pode verse como unha resposta aos planos de incremento do gasto público en infraestruturas anunciados polo presidente eleito dos EUA, Donald Trump).