A exministra Isabel Tocino, conselleira de Ence e agora tamén nova presidenta do Banco Pastor

A exministra Isabel Tocino, conselleira de Ence e agora tamén nova presidenta do Banco Pastor
Isabel Tocino
Isabel Tocino  

“A dedicación de Isabel vai ser esencial nesta nova responsabilidade nun banco que conta con gran implantación en Galiza”, dixo Ana Botín, presidenta do grupo Santander.


Isabel Tocino vai ser a nova presidenta do Banco Pastor, a entidade galega que a finais de 2011– en pleno proceso de esvaecemento do sistema financeiro galego- era adquirida polo Banco Popular. Ambos os dous, Pastor e Popular, fan parte desde xuño deste ano do Santander, que os comprou por 1 euro.

 

Tocino, deputada de AP/PP desde 1983 a 2002 foi ministra de Medio Ambiente con José María Aznar durante os anos 1996 a 2000. En marzo de 2013 foi fichada pola pasteira Ence como conselleira independente, cargo que lle renovou en 2016 por tres anos. A este posto, así como á súa presenza en Naturhouse, Enagás, engade agora Tocino o de presidenta do Banco Pastor e vicepresidenta do Consello de Santander-España.

 

“Estou certa de que a forza e dedicación de Isabel van ser esenciais no conxunto do Santander e moi especialmente na súa nova responsabilidade como presidenta do Banco pastor, que conta cunha grande implantación en Galiza”, afirmou a presidenta do grupo, Ana Botín.

 

Lembremos que o grupo está ás portas dun novo ERE que en Galiza podería efctar a por volta de 200 postos de traballo. "No banco non sobra ninguén”, subliñaba Rosa Conde, da CIG, ao se coñecer a intención de aplicar un novo ERE. Lembraba que na rede bancaria fanse "milleiros de horas extras a cotío". En todo caso, matizou, o que se precisaría "sería unha reordenación do persoal para cubrir as necesidades reais das oficinas, pero non despedimentos". "Está claro que o sistema financeiro, unha vez máis, pretende buscar maiores beneficios a conta de sacrificar traballadores e traballadoras que levan unha vida dedicándose a traballar, honestamente, para que agora veñan botalas á rúa", denunciou.