PRESENTACIÓN EN PONTEAREAS DE ‘AS CONTAS QUE NOS CONTAN’

A falacia da balanza fiscal Galiza-Estado

A falacia da balanza fiscal Galiza-Estado
Xosé Díaz nunha apresentación de "As Contas que nos contan"
Xosé Díaz nunha apresentación de "As Contas que nos contan"  Xosé Fandiño

O salón de plenos da Casa do Concello ponteareán acolle esta sexa feira, 20:30, a presentación deste libro de Xosé Díaz, editado por Sermos Galiza. O acto será presentado por Francisco Floreal, concelleiro de Facenda.


“É unha satisfacción presentar este libro”, recoñece Francisco Floreal Alonso Pedreira, concelleiro de Facenda de Ponteareas, sobre o acto que esta sexta feira, 13 de outubro, ten lugar no salón de actos do concello: a presentación do libro ‘As contas que nos contan’, de Xosé Díaz e editado por Sermos Galiza.

 

O traballo pon en cuestión a propia concepción que os autores das balanzas do Goberno teñen a respecto da súa utilidade. Eles tentan asimilar as balanzas á economía cando non deixan de ser só unha parte desta. A metodoloxía non é algo menor, pois determina os resultados. A metodoloxía empregada polo Goberno, a de “carga-beneficio” –que, entre outras cousas impútalle a Galiza custos da Administración central do Estado que teñen a sede en Madrid, isto é, os chamados bens públicos puros-, é “falsaria e acientífica” para o autor.

 

O edil de Facenda salienta que o libro empregue datos oficiais e que rache co discurso de que “Galiza é subsidiaria do Estado”. Lembra que cando, hai 40 anos, residiu unha etapa en Catalunya alí xa se debatía sobre balanzas fiscais. “Eu sempre lles dicía que se eles se queixaban nós, os galegos, tiñamos dereito a queixarnos bastante máis”. Francisco Floreal considera que o actual sistema de financiamento prexudica Galiza e o seus concellos, pois non ten en conta realidades como a da dispersión poboacional. “En Ponteareas temos 23 parroquias, a metade da poboación do concello [23.000 habitantes] non vive no núcleo principal”. E pon un exemplo da situación: acometer o obrigado desbroce das estradas municipais implica actuar en 200 quilómetros de estada. “Iso nun concello de Castela non se dá”.

 

O acto enmárcase nos ‘Venres D-letras’, que organiza a Concellería de Cultura desde hai máis dun ano e con perioricidade mensual e que procura dar visibilidade a temas e autores galegos contemporáneos. Como explica a concelleira, Hortensia Bautista, é un programa para achegar á xente "a nosa cultura e os nosos autores". A cita ten lugar o segundo venres de cada mes e nel o autor presenta o seu libro, "que pode ser de diferentes campos, de ensaio a poesía, novela". Escritoras como María Solar ou Ledicia Costas participaron nel.



x