DÉBEDA DAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS

Feijóo apresenta como logro o que xa era a proposta inicial de Montoro

Feijóo apresenta como logro o que xa era a proposta inicial de Montoro
Foto de familia de Rajoy coa cúpula do PP antes do almorzo de traballo
Foto de familia de Rajoy coa cúpula do PP antes do almorzo de traballo  

Cimeira gastronómica en Génova da cúpula do PP. Rajoy, Cifuentes -sinalada esta segunda feira por Francisco Granados como corresponsábel do financiamento ilegal do partido en Madrid-, o resto dos presidentes autonómicos, o ministro de Facenda, a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, a secretaria xeral do partido, Dolores de Cospedal. Feijóo lanzou ao final do xantar de traballo un titular con aroma de triunfo persoal: "Non haberá quita da débeda das comunidades autónomas". Pírrico triunfo, esa exactamente é a posición que fixou Montoro na súa comparecencia no Congreso o 1 de febreiro.


De 2012 á actualidade, as comunidades autónomas puideron financiarse con mecanismos públicos a baixos intereses. Conseguiron así 251.000 millóns de euros en liquidez. Segundo estimacións de Facenda, aforraron en xuros por volta de 20.000 millóns de euros. A comunidade autónoma que botou menos man dese maná foi a galega. A Xunta preferiu financiarse nos mercados de débeda privados, a xuros máis altos. Segundo estimacións do portavoz de Economía de En Marea Manuel Lago, o sobrecusto desa operación para as arcas galegas alcanzou por volta de 1.600 millóns de euros.

 

A hipótese de que o Estado fose condonar parte desa débeda colocaba Feijóo nunha moi má posición política e poría ao descuberto o erro de estratexia financeira de ter recorrido ao financiamento privado, para o cal non se agarda que exista ningún tipo de quita nen sequera de reestruturación.

 

Nos mecanismos de financiamento públicos a Xunta apenas tomou emprestados 4.751 millóns de euros face os 53.005 asinados por Catalunya. Unha eventual condonación favorecía naturalmente máis os que máis se endebedaron.

 

As terminais propagandísticas de Monte Pío apresáronse a apresentar a cimeira desta segunda feira como a reunión en que Feijóo demandaría de Madrid a non aplicación de quita algunha. Mais Montoro xa avanzara que non habería ningún tipo de condonación

 

As terminais propagandísticas de Monte Pío apresáronse a apresentar a cimeira desta segunda feira como a reunión en que Feijóo demandaría de Madrid a non aplicación de quita ningunha. O propio Feijóo comunicou triunfal á saída do banquete que "ficou claro que non haberá quita da débeda". Ben, en realidade esa non é ningunha noticia. Montoro xa deixou claro nunha comparecencia parlamentar o pasado 1 de febreiro que non tiña en mente condonar un só euro de débeda. Non habería quita, o que non significa que non se vaia aliviar a carga financeira que pesa sobre as comunidades autónomas. "Temos que ver que facemos a respeito da débeda das comunidades autónomas e, en especial, a que teñen contraída co Estado", dixo Montoro.

 

O que haberá, por tanto, será unha reestruturación da débeda, isto é, distintas fórmulas que poden ir desde o alargamento dos prazos para a súa satisfacción, a renegociación dos tipos de xuro ou mesmo a asunción por parte do Estado de parte do débito. A quita, enfatizan fontes de Facenda, está prohibida polas normativas europeas.

 

Mais no plano estritamente político, Feijóo sabe que se xoga a súa credibilidade como xestor, cuestionada pola oposición ao ter engordado baixo o seu mandato a débeda pública galega de 3.954 millóns de euros (2008) a 11.317 (2017). É por iso que a política de comunicación de Monte Pío -amplificada pola imprensa amiga- esfórzase por apresentar como conquista persoal de Feijóo o que non é senón unha directriz marcada directamente polo ministro de Facenda.

 

Montoro liga a reestruturación da débeda co novo modelo de financiamento para as comunidades autónomas, un complexo problema político e económico cuxa resolución o Goberno Rajoy vén adiando desde 2014, cando caducou o actual sistema.

 

Esta segunda feira, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou que a esta altura o Parlamento de Galiza aínda non foi informado polo presidente da Xunta sobre que proposta concreta formulará o goberno galego no debate do novo modelo de financiamento.

 

A posición de Feijóo nesta materia resúmea Pontón en tres pontos: "Agardar a ver que decide Madrid e que propón Montero, opacidade perante o Parlamento e criticar os logros dos demais sen ter nen unha soa proposta concreta a favor de Galiza".

 

 



x