O fondo de pensións esgotarase en decembro de 2017: 67.000 millóns de euros 'laminados' en 5 anos

O fondo de pensións esgotarase en decembro de 2017: 67.000 millóns de euros 'laminados' en 5 anos

Desde a chegada de Mariano Rajoy ao goberno foi retirado máis do 62% do capital do fondo de reserva. O goberno admite agora perante Bruxelas que a finais de 2017 na 'hucha' das pensións non ficarán cartos nin para pagar aos funcionarios a extra de Nadal.


O Fondo de reserva da Seguridade Social, máis coñecido como Fondo de pensións ou 'hucha' de pensións, será historia en decembro de 2017. A ferramenta creada no 2000 para garantir o futuro da actual poboación activa ten no presente, e segundo os cálculos do propio goberno español, un futuro negro. Máis ben, non ten futuro. Para finais do ano que vén non haberá un só euro no fondo, que estará en números vermellos (-2.655 millóns de euros).

O Fondo creouse no 2000 e até o 2012 non se comezou a retirar capital. A primeira partida sacada foi de 7.000 millóns de euros

Non é este un vaticinio feito por catastrofistas. Ben é certo que economistas e analistas advertían desde hai tempo que era o escenario cara a onde se ía. Mais agora son as propias previsións e cálculos que o goberno español inclúe no Plan orzamentario de 2017 e que remitiu xa a Bruxelas, como desvelou El Mundo, as que vaticinan a fin do fondo. O propio executivo vén recoñecer que non haberá cartos nin para pagar a extra dos empregados públicos do Nadal de 2017.

O Fondo dispuña ao feche de 2015 de máis de 32.481 millóns de euros. Os cálculos son que mingue até apenas 13.500 millóns cando remate o actual exercicio, 2016. Unha cantidade ben pequena para soportar o propio défict que augura o goberno español, 1,4%. A desviación andaría nos 16.000 millóns de euros. Unha simple resta indica que os 13.500 millóns non chegan.

Baleirado constante

Cando Mariano Rajoy chegou á Moncloa atopou un Fondo de pensións ben nutrido, con 66.815 millóns de euros. O Fondo contará con 13.500 millóns cando acabe 2016. Un baleirado do 80% en apenas 5 anos. Só en xullo deste ano retiráronse cartos da 'hucha' por valor de 9.700 millóns de euros. En 2015 sacáronse 11.500 millóns de euros e 15.300 millóns foron retirados durante o exercicio 2014.

As achegas no Estado español para pensións están por baixo da media que destinan os estados europeos. Por contra, o que se destina a elas está por baixo do que destinan en Europa. De aí que os economistas insistan en que o problema non está no gasto mais nos ingresos. Embora o aumento de afiliados nos últimos trimestres, as cotizacións para o fondo de pensións son baixas por mor da precariedade laboral e baixos salarios. E as pensións galegas son das máis baixas do Estado: Unha de cada tres pensións galegas non pasa da cuantía mínima.