A frota galega perdeu nestes anos un de cada cinco barcos

A frota galega perdeu nestes anos un de cada cinco barcos

En pesqueirías como a de altura, en augas comunitarias, temos agora a metade de buques que en 2004.


Unha frota pesqueira sen parangón en Europa, como era a galega, certifica ano tras ano a súa perda de barcos e tripulacións, nun descenso constante e continuado que deixa pegada en todos os segmentos, desde a frota artesanal que faena no interior das rías até os grandes barcos que traballan na gran altura. No 2004, e segundo dados oficiais da propia Consellaría, había en Galiza rexistradas 5.565 embarcacións. A comezos deste ano, 2017, a cifra caera até 4.430. Iso significa 1.135 barcos menos, unha perda do 20%. Cada cinco días, pois, a frota galega perdía un dos seus barcos.

Esta redución afectou a todos os segmentos da frota. Aínda que os efectos non sexan os mesmos cando se perde unha embarcación artesanal que un gran buque de altura. Na categoría de gran altura, a pesqueiría en augas internacionais, pasamos de 121 buques a 104. En menos de 15 anos temos 17 barcos menos, unha mingua do 14%.  No que atinxe á pesca de altura, a que se realiza en augas comunitarias, o impacto foi moito máis grande. Temos agora 69 barcos cando no 2004 tiñamos 144. Perdemos neste período o 52% da nosa frota.

En artes menores, a máis importante en canto a número de embarcacións, nestes case 15 anos ficamos sen dous de cada dez barcos que tiñamos en 2004. Pasamos dos 4.867 a 3.930. Ou sexa, 937 embarcacións menos.

Se botamos unha mirada ao réxime de traballadores do mar da Seguridade Social podemos comprobar como só entre 2012 e agora Galiza perdeu case 1.800 afiliados. Unha media dun mariñeiro menos cada día



x