A fusión das caixas: 4.000 empregos destruídos desde 2010, 1.000 deles nestes 3 anos

A fusión das caixas: 4.000 empregos destruídos desde 2010, 1.000 deles nestes 3 anos
Manifestación traballadores/as Novagaliciabanco
Manifestación traballadores/as Novagaliciabanco  

En 2013, NCG Banco tiña 5.043 traballadores e traballadoras e un total de 641 oficinas, segundo datos publicados pola Comisión Europea. En 2016, conforme aos datos publicados por Abanca, pechou o ano con 4.032 empregados e 668 oficinas. En só 3 anos a nova dirección destruíu 1 de cada 5 postos de traballo. No mesmo período, medrou o volume de negocio xestionado por cada empregado e, polo tanto, a carga de traballo.

 

Embora a destrución de 1.011 postos de traballo, Abanca continuou recibindo axudas públicas conforme ao establecido polo FROB no momento da venda. Só polas cláusulas chan recibiu 427 millóns de euros entre o ano 2016 e o primeiro trimestre de 2017 (nese curto período de tempo o máximo accionista embolsouse 353 millóns de euros). O rescate autorizado por Bruxelas levou ao Estado a provisionar con diñeiro público os despedimentos previstos inicialmente no Plan de Reestruturación do 2013. Así, denuncia a CIG, Abanca está despedindo sen que lle custe un euro, pois os despedimentos son pagados con diñeiro público.

 

De 2010, cando a fusión de Caixagalicia e Caixanova, a agora perdéronse case 3.800 postos de traballo, o que supón 49% dos existentes. Un axuste brutal, que poucos sectores máis rexistraron a ese nivel. O propio informe A Economía Galega de 2015 recolle esa pegada, ao falar de que desde 2008 en Galiza fecharan máis de 800 sucursais bancarias, 30% da rede existente no noso país. Neses mesmos anos destruíranse nos bancos e caixas galegas entre 5.000 e 6.000 postos de traballo.



x