A fusión e venda das caixas supuxo a destrución da metade dos postos de traballo

A fusión e venda das caixas supuxo a destrución da metade dos postos de traballo

Dos 7.800 empregados na altura da unión entre Caixa Galicia e Caixa Nova aos 4.000 que ten Abanca ao feche de 2016. Poucos sectores sufriron un recorte en empregos tan duro como o financeiro.


Abanca fechou 2016 cuns beneficios de 334 millóns de euros, uns datos que se oficializaron na asemblea xeral de accionistas que decorreu a finais do pasado mes de xuño. O grupo Banesco, presidido por Escotet, comprou en decembro de 2013 Novagalicia Banco (NGB), unha adquisición na que desembolsou 1.003 millóns de euros, cantidade que xa pagou ao Frob. No resgate e fusión das caixas galegas investíronse máis de 9.000 millóns de euros de diñeiro público.

 

Cando o venezuelano Banesco adquiriu NGB, a finais de 2013, a entidade galega tiña un cadro de persoal de  5.043 traballadores. No inicio de 2017 esa cifra é de 4.032, o que supón 1.011 empregados menos. Como lembran en CIG-Abanca, isto supón a perda dun de cada cinco postos de traballo. De media, dous empregados menos por oficina.

 

A ‘reconversión’, porén, foi moito maior. De 2010, cando a fusión de Caixagalicia e Caixanova, a agora perdéronse case 3.800 postos de traballo, o que supón 49% dos existentes. Un axuste brutal, que poucos sectores máis rexistraron a ese nivel. O propio informe A Economía Galega de 2015 recolle esa pegada, ao falar de que desde 2008 en Galiza fecharan máis de 800 sucursais bancarias, 30% da rede existente no noso país. Neses mesmos anos destruíranse nos bancos e caixas galegas entre 5.000 e 6.000 postos de traballo.

 

A dinámica non afecta só a Galiza. Así, en 2016 todas as grandes entidades financeiras cotizadas rexistraron EREs e feches de oficinas. Do Santander a Bankia, pasando polo BBVA, Sabadell ou Popular. De 2008 até agora destruíronse 73.000 postos de traballo.



x