Os galegos, os segundos do estado que menos riscan o cadro da igrexa na declaración da renda

Os galegos, os segundos do estado que menos riscan o cadro da igrexa na declaración da renda
Entrada da Catedral de Santiago polo Obradoiro
Entrada da Catedral de Santiago polo Obradoiro  Riobó Prada

Só 27% optan por financiar a igrexa católica, 8 puntos por baixo da media española. 


Apenas un de cada catro galegos que fan a declaración da renda poñen o X no cadro para autorizar que 0,7% da súa factura fiscal vaia para a igrexa católica. Un cadro que riscaron 27% das persoas que presentaron a declaración en Galiza, unha porcentaxe que é oito puntos inferior á media española, que se sitúa en 35,2 por cento. De feito, Galiza é o segundo territorio do estado español onde menos porcentaxe de contribuíntes autoriza que parte da súa declaración se destine á igrexa católica. Só Catalunya, con 19,7%, ten ratios máis baixos que Galiza, segundo os dados publicados por Cincodías.

No outro estremo sitúase Castela-A Mancha, onde 49% das persoas que elixen que parte do seu IRPF vaia para a institución relixiosa. Estremadura, A rioxa, Murcia, Castela-León e Andalucía superan o 40% dos declarantes que riscan cun X os cadros para a igrexa.

Nese 27% de galegos que optan por destinar 0,7% da súa factura fiscal á igrexa católica englóbase tanto a aqueles que poñen o X no cadro da igrexa católica como os que riscan as dúas opcións, é dicir, que elixen que parte do seu IRPF vaia a esa institución relixiosa e tamén a entidades de fines sociais.

Evolución

A nivel de estado español, no exercicio 2016 34,5% riscaban o cadro para adicar o 0,7% a fins sociais e un 35,2% o que contemplaba que fose para a igrexa católica (14,2% exclusivo para esa institución, 21% para a igrexa e fins sociais). Un 30,3% non marcaba ningunha opción.

En 2008 o 34,1% das persoas declarantes indicaban que querían que esa parte do seu IRPF fose para fins sociais, un 31,5% non marcaba ningunha, un 21,7% para a igrexas católica e un 12,7% para a igfrexa católica e fins sociais (sumando estas dúas últimas un 34,4%).

 



x