En Galiza abandonáronse máis de 37.000 explotacións agrarias en apenas unha década

En Galiza abandonáronse máis de 37.000 explotacións agrarias en apenas unha década
CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Mikel Arrazola
CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Mikel Arrazola  

Somos un dos territorios do Estado onde máis repercute este abandono, segundo o informe ‘Por unha política de terras xusta e sostibel”. Cómpre lembrar que desde 1985 en Galiza perdéronse 265.000 hectáreas de superficie agraria útil.


Na primeira década do século XXI en Galiza abandonáronse 37.050 explotacións agrarias. É un dos datos recollidos no informe ‘Por unha política xusta e sostíbel’, elaborado por diferentes colectivos e entidades do Estado e entre as que está o Sindicato Labrego Galego. Máis un dato a engadir ao cesto de sinais que alertan do abandono a pasos axigantados da actividade no rural galego.Só Valencia e Andalucía presentan peores rexistros que Galiza en canto a explotacións abandonadas.

 

Cómpre lembrar que desde 1985 en Galiza perdéronse 265.000 hectáreas de SAU, superficie agraria útil (Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial, do Laboratorio do Territorio, Universidade de Santiago). En Galiza a superficie agraria últil apenas supera 20% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa. En Alemaña ou Francia supera 40%, por poñer dous exemplos.

 

E todo isto nun contexto no que cada vez hai maior concentración de terras. Así, 3,1% das explotacións agrarias existentes na Unión Europea concentran 52 por cento da superficie agraria útil. Ao tempo, 75% das explotacións europeas de menos de 10 hectáreas representan apenas 11% da SAU, uns 19 millóns de hectáreas.

 

Son datos ofrecidos no estudo ‘Acaparamento e concentración de terras en Europa’, elaborado polo TNI, Transnational Institute, en base aos datos de Eurostat, a oficina estatística europea.  Os responsábeis do documento advirten de que Europa está a experimentar o que denominan “unha tremenda e rápida concentración de terras”. Na década que vai de 2003 a 2013 desapareceron un terzo das pequenas explotacións agrícolas europeas.

 

Para o TNI, tanto a política agraria común (PAC) da Unión Europea como o sistema de axudas directas e criterios empregados supuxeron favorecer as grandesx explotacións en detrimento das medianas e pequenas.



x