Galiza e Grecia lideran o paro xuvenil na Unión Europea

Galiza e Grecia lideran o paro xuvenil na Unión Europea
Mocidade
Mocidade  

Ambos os dous países superan 40% de desemprego nas persoas entre 15 e 24 anos de idade. A media europea é de 18,7 por cento.


Poucos son os países da Unión Europea que superan 30% de paro xuvenil e cóntanse cos dedos dunha man aqueles onde esa taxa de desemprego vai por riba de 40 por cento. Galiza fai parte deste ‘selecto’ grupo no que unha máis que considerábel parte da súa mocidade está no paro. Con 40,3% de taxa de desemprego das persoas entre 15 e 24 anos de idade, as administracións públicas non son quen de atoparen unha solución a un problema que nos hipoteca como país.

Grecia, con 47,3%, e o estado español, con 44,4%, son os únicos estados que no informe elaborado pola oficina estatística europea, Eurostat, teñen peores rexistros que Galiza. Outros estados do sur, como Italia, teñen 37,8% de paro xuvenil, un dado preocupante mais que fica a dous e medio do índice da Galiza. Mesmo a veciña Portugal rexista un nivel de desemprego na mocidade que fica moi por baixo da galega, 28 por cento.

Francia ten 27% de desemprego xuvenil; Reino Unido, 13%; e Alemaña non sobrepasa 7%. En niveis moi baixos móvense tamén estados como Holanda (10,8%), Austria (11,2%) ou Dinamarca (12%). Mais tamén países que non fan parte do ‘núcleo duro’ do emprego da UE, como Polonia, onde a taxa de paro na mocidade é menos de 18%, 24 puntos menos que Galiza. Ou Bulgaria, onde é 17%, Irlanda, tamén en 17% ou Chequia, con 10,5%.

Eurostat tamén rexistra outro dado preocupante a respeito do noso país: o emprego de longa duración, aquel de máis dun ano, é 51,8%. Superior tanto á media europea (anda en 46,6%) como á propia media do estado español, onde está en 48,4 por cento. 



x