Galiza perdeu 265.000 hectáreas de superficie agraria útil en apenas tres décadas

Galiza perdeu 265.000 hectáreas de superficie agraria útil en apenas tres décadas

Destrución de sectores produtivos, eucaliptización, desertización do rural... Só o 24% do noso territorio ten uso agrícola face ao promedio do 40% de países máis desenvolvidos. Temos unha balanza alimentar negativa: gastamos 900 millóns de euros máis en importar alimentos do que o que obtemos polas exportacións. 


O eucalipto conquista na Galiza cada vez máis terreo a costa da agricultura e gandeiría, nunha batalla desigual e cunhas consecuencias a curto, medio e longo prazo non só sobre o territorio, mais tamén no desenvolvemento e futuro do país. Desde 1985 en Galiza perdéronse 265.000 hectáreas de superficie agraria útil ( Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial, do Laboratorio do Territorio, Universidade de Santiago). “É un dado que amosa o que aconteceu no país nestas tres décadas: fechamento de miles de explotacións, desertización do rural...”, sinala Manuel Dacal, da Federación Rural Galega (Fruga). Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego (SLG), denuncia que cada vez son máis as hectáreas que acaban en mans de grandes empresas na Galiza, de maneira directa ou indirecta, para fins que non teñen que ver coa produción de alimentos. Ambos coinciden en sinalar a eucaliptización que padece Galiza e que se estendeu nesas tres décadas como a antítese do desenvolvemento que precisa o rural galego.

“Hai 30 anos había 100.000 exploacións de vacún de leite e agora non chegamos as 9.000”, aponta Dacal

“Hai 30 anos había 100.000 exploacións de vacún de leite e agora non chegamos as 9.000”, aponta Dacal, que indica que gran parte da superficie que antes traballaban esas explotacións que fecharon foron “para forestación, nomeadamente monoculivo de eucalipto”. Vilalba cifra en máis de 400.000 hectáreas de eucalipto as que hai en Galiza. “No Plan forestal de 1992 facíanse unhas previsións a décadas vista sobre o eucalipto. Oito anos despois o eucalipto xa superaba en 80.000 Has esas previsións”, engade.

Impacto

A representante do SLG lembra que Galiza ten unha balanza agraria negativa: importa máis alimentos dos que exporta. Unha diferenza de máis de 900 millóns de euros. “Só hai que ir ás grandes superficies e ver de onde veñen os produtos, mesmo as hortalizas”,  e sinala mesmo o leite, con importación en Galiza [potencia produtora] dos seus derivados.

Hai dous eixos para entender a realidade na que nos atopamos, explica Isabel Vilalba. Un, que o agro e o monte orientouse á venda de materia prima a industria de pouco valor engadido. “Hai excepcións, claro, como o sector do viño”, puntualiza.

“No Plan forestal de 1992 facíanse unhas previsións a décadas vista sobre o eucalipto. Oito anos despois o eucalipto xa superaba en 80.000 Has esas previsións”, di Isabel Vilalba.

O segundo eixo sería “o desprazo de todo o resto”. O que leva a un “absurdo”, indica, como que se importen alimentos que se poden producir aquí con maior calidade. “Non ten moito sentido traer patacas de Exipto ou hortalizas de Marrocos”. E Lembra que en países como Francia ou Austria o sector primario é valorado, apoiado e incentivado. “Teñen en conta que manteñen o tecido no rural, que coidan da paisaxe,...”.

Desfacer o feito

Dacal lembra que estas lameiras veñen de vellos pós. Das 4 vías que tiña a PAC (Política agraria común) na época dos gobernos de Fraga, a Xunta optou porque a inmensa maioría do diñeiro deses fondos se destinasen a “forestación, ou sexa, eucalipos; ou ben a abandono da actividade agraria”.

Houbo intentos de facer unha outra política para o agro, di referíndose aos anos do nacionalista Suárez Canal como conselleiro de Medio Rural, mais non chegaron a callar. “A volta do PP supuxo que se botase por terra todo o que se tentara facer: banco de terras, contrato de explotación sustentábel, unidades de xestión forestal...”.

Imaxe: CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno Vasco Mikel Arrazola'



x