Galiza acumula a metade da superficie agraria que se perdeu no Estado español nestes tres anos

Galiza acumula a metade da superficie agraria que se perdeu no Estado español nestes tres anos

Perdeu entre 5% da súa superficie agraria entre 2013 e 2016: 34.000 hectáreas


Galiza perde cada vez máis terreo superficie agraria, unha perda cunhas consecuencias a curto, medio e longo prazo non só sobre o territorio, mais tamén no desenvolvemento e futuro do país. O portal Campo Galego informa que os dados do Instituto Nacional de Estatística (INE) indican que do 2013 ao 2016, Galiza perdeu 34.000 hectáreas, máis de 5% da súa superficie agraria total. A metade da superficie agrícola útil que se perdeu no conxunto do Estado español.

 

Desde 1985 e até hai uns anos en Galiza perdéronse 265.000 hectáreas de superficie agraria útil ( Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial, do Laboratorio do Territorio, Universidade de Santiago). En Galiza a superficie agraria últil non chega ao 25% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa.

 

Europa

 

3,1% das explotacións agrarias existentes na Unión Europea concentran o 52 por cento da superficie agraria útil. Son 336.000 explotacións, de máis de 100 hectáreas, e que controlan máis de 91 millóns de hectáreas de superficie agraria útil (SAU), máis da metade da existente na UE. 75% das explotacións europeas (menos de 10 hectáreas) representan apenas 11% da SAU, por volta duns 19 millóns de hectáreas.

 

Son datos ofrecidos no estudo ‘Acaparamento e concentración de terras en Europa’, elaborado polo TNI, Transnational Institute, en base aos datos de Eurostat, a oficina estatística europea.  Os responsábeis do documento advirten de que Europa está a experimentar o que denominan “unha tremenda e rápida concentración de terras”, o que se traduce, entre outras consecuencias, en que na década que vai de 2003 a 2013 desapareceron un terzo das pequenas explotacións agrícolas europeas.

 

Responsabilidades

 

Para o TNI, tanto a política agraria común (PAC) da Unión Europea como o sistema de axudas directas e criterios empregados supuxeron favorecer as grandesx explotacións en detrimento das medianas e pequenas.

 

No que se refire ao estado español, o estudo recolle que desde 1990 até a actualidade desapareceron case a metade das explotacións de menos de 10 hectáreas. No 2013, o 5,4% das explotacións acaparaban no estado máis da metade da superficie agraria útil, perto de 13 millóns de hectáreas.



x