Galiza é o segundo territorio onde máis medrou o paro rexistrado en novembro

Galiza é o segundo territorio onde máis medrou o paro rexistrado en novembro

Dous de cada dez novos desempregados no total do estado nese mes son galegos, 4.614 de 24.841.


Galiza é o segundo territorio do estado español onde máis aumentou o paro rexistrado en novembro. O mes despediuse deixando 4.614 novas persoas rexistradas no desemprego, un aumento do 2,32% e que volve situar a cifra de paradas en Galiza por riba das douscentos mil: 203.554. O aumento en todo o estado foi do 0,6%, porcentaxe moi inferior á rexistrada no noso país.

De feito, dos 24.841 novas persoas desempregadas que se rexistraron en novembro no conxunto do territorio, 4.614 son galegas, o que supón o 18,5%. Dous de cada dez novos parados, logos, foron no noso país. Só Baleares (con 11.388 desempregados máis en novembro) nos supera. Galiza rexistrou máis desempregados nese mes que Andalucía ou Cataluña, que case nos triplican en poboación. Só Euskadi, Valencia e Melilla safaron da destrución de emprego o mes pasado.

Todos os sectores

O incremento do paro rexistrouse en todos os sectores, nomeadamente servizos, onde novembro fechou con 3.443 novos parados. Na industria ese aumento foi de 391 persoas, na construción de 311e na agricultura, de 299. Os contratos non varían a tendencia de todos estes anos e a temporalidade continúa a ser abrumadora: de 76.080 contratos laborais que se asinaron en novembro en Galiza, máis de 70.000 foron con carácter temporal.

Nas afiliacións á Seguridade Social hai un descenso de 3.008 persoas, unha caída do 0,3%. Na comparación interanual, a Seguridade Social presenta mellor balanzo, cun aumento de 19.000 afiliacións.