Os gandeiros galegos perden 18 millóns de euros ao ano por ter os prezos máis baixos do Estado

Os gandeiros galegos perden 18 millóns de euros ao ano por ter os prezos máis baixos do Estado

De se pagar o litro de leite en Galiza á media que se paga no Estado, os produtores gañarían case millón e medio de euros máis cada vez.


Os gandeiros galegos continúan no furgón de cola do Estado en canto a prezos. Embora o aumento destes meses, a fenda entre a canto se paga o litro de leite en Galiza e a canto se paga de media no Estado continúa aí e non é pequena. En outubro pasado, pagouse no noso país a 31,7 céntimos o litro. No Estado foi a 32,8. O que pode parecer unha diferenza case que imperceptíbel transfórmase en millóns de euros.

 

En outubro producíronse en Galiza 220.852.000 litros de leite. Co prezo que se pagou en Galiza, 42.175.000 euros. De se pagar co prezo medio que se pagou no Estado español, 43.638.999 euros. Unha fenda de máis de 1.463.000 euros mensais, o que se converte anualmente en 17,5 millóns de euros .

 

De facer a comparativa co que se paga de media na Unión Europea xa sería para poñerse roibo. Esas 220.852 toneladas de leite producidas en Galiza suporían de se pagar a prezo medio europeo (38,5 cts) un importe de máis de 51.221.000 de euros. Nove millóns de euros máis cada mes do que lles dan os prezos de aquí.

 

Explotacións

 

Galiza comezou 2017 con 8.476 explotacións de leite e pagándoselle o litro aos gandeiros – de media- a 30 céntimos. Unha mellora a respecto dun 2016 que se despedira cun prezo de 29,8 céntimos ás 8.517 granxas leiteiras activas no noso país. Así pois, 2017 entrou con 0,02 céntimos máis por litro e 41 explotacións menos que no mes anterior.

 

Esa dinámica, leve suba do prezo e continuar a sangría de fechamento de granxas, mantense durante estes meses de 2017. Das 8.476 explotacións de xaneiro pasamos en outubro a 8.117, o que supón 329 menos, unha media de 8 explotacións tendo que clausurar por semana. Entre xaneiro e outubro o prezo medio que se paga polo litro de leite pasou dos 30 céntimos a 31,7, segundo o informe do Fondo español de garantía agraria. Subiu, mais non abondo e en moitas ocasións o que se paga non cubre os custos de produción.



x