O goberno abre a porta a redobrar o copagamento a costa dos xubilados con rendas máis altas

O goberno abre a porta a redobrar o copagamento a costa dos xubilados con rendas máis altas

En Galiza a pensión media é a segunda máis baixa do Estado, 140 euros menos ao mes que a media española.


O goberno español abre a porta a redobrar o copagamento de medicamentos, revisando o repagamento a aqueles que cobran máis de 18.000 euros de pensión, que pagarían máis. A ministra de Sanidade, Dolors Montserrat, apontaba nunha entrevista de radio á necesidade de que “os que teñen máis paguen máis”, falando de “axustar” a achega mensual de copagamento para os xubilados cunha renda entre 18.000 e 100.000 euros. O propio rebumbio xerado polas declaracións, que recibiron críticas da oposición, sindicatos e asociacións de xubilados, levou á ministra a publicar horas despois un chío no que negaba que fose haber unha suba dos medicamentos.

Porén, a bola xa estaba no campo e moitos sospeitan que o de Montserrat son unhas declaracións que indican por onde vai ir a vontade do goberno de Mariano Rajoy neste tema. Unha media deste calado, o de que paguen máis polos medicamentos os xubilados que perceben máis de 18.000 euros, afectaría a entre 64.000 e 140.000 galegos, segundo calculan diversos medios. Galiza é o segundo territorio coas pensións máis baixas do estado, cobrando un galego de media 140 euros mensuais menos que un español.

Desde colectivos de xubilados xa se posicionaron contra o anuncio da ministra. As mesmas, aliás, chegan nun momento en que desde colectivos como o de xubilados e pensionistas da CIG desenvolven unha campaña en defensa do sistema público de pensións: o 28 deste mes haberá unha manifestación en Compostela.



x