“As granxas galegas perden de ingresar 9 millóns mensuais por non ter os prezos da media europea”

“As granxas galegas perden de ingresar 9 millóns mensuais por non ter os prezos da media europea”

O comunicado da Xunta parabenizándose de que Galiza foi o territorio do Estado  “no que máis medrou o prezo dende novembro de 2015” continúa a recibir críticas. Esta segunda feira foi a Federación rural galega (Fruga) quen tiraba das orellas á Consellería de Medio Rural, lembrándolle que o sector lácteo galego “sufriu os prezos mais baixos de todo o Estado español, o cal levou consigo que un importante número de explotacións lácteas tiveran que pechar as súas portas”. En concreto, 424 en 2017.

 

Agora é o Sindicato Labrego Galego (SLG) quen acusa Medio Rural de “substituir a política leiteira por propaganda para maquillar os peores prezos da UE”. Esta organización afirma que se as granxas “ tivesen cobrado o prezo medio das asturianas terían ingresado máis de 5 millóns de euros adicionais do que cobraron por ese mes; se tivesen percibido o prezo medio da Unión Europea, 37'5 céntimos por litro, o incremento sería de 9 millóns de euros. Polo tanto, podemos dicir que as granxas galegas perderon de ingresar 9 millóns de euros en novembro de 2017 por non ter uns prezos acordes á media europea”.

 

E un dato, a maiores, indica SLG: varias multinacionais leiteiras que operan na Galiza, aparte de non ter subido o prezo nos últimos meses, xa están anunciando novas baixadas para primavera.



x