A igrexa súmase ao rexeitamento á venda das centrais de Ferroatlántica

A igrexa súmase ao rexeitamento á venda das centrais de Ferroatlántica
Concentración en Cee na defensa de Ferroatlántica
Concentración en Cee na defensa de Ferroatlántica  

75 parroquias da comarca da Costa da Morte piden a Feijóo e á dirección da empresa en Madrid que paralicen calquer intento de se desfacer das hidroeléctricas.


Sindicatos, concellos, asociacións veciñais e culturais, colectivos de comerciantes, asóciacións deportivas... Todo o amplo tecido social, cultural, laboral ou deportivo da Costa da Morte fai piña contra calquer tentativa de venda por parte de Villar-Mir das seis centrais hidroeléctricas, conscientes de que iso sería unha puñalada mortal para a comarca. Agora, e segundo informa La Opinión de A Coruña, tamén a igrexa se suma á fronte unitaria na defensa de Ferroatlántica. Arciprestes e titulares de 75 parroquias subscriben un escrito que ten como destinatarios o presidente da Xunta e a dirección de Ferroatlántica en Madrid.

No escrito ínstase a ambos os dous destinatarios a que se paralice a venda das centrais, algo que, apontan, xa fixo Fraga no seu momento cando era presidente da Xunta. Defenden que o interese económico non pode estar por riba do interese humano. “A auga dos nosos ríos e a choiva [...]non é propiedade de ningunha empresa, son propiedade na nosa terra”, afirman.

Choiva de millóns e “tomadura de pelo”

Ferroglobe, o grupo ao que pertence Ferroatlántica, anunciou nas últimas horas que tiña un novo proxecto para ubicar en galiza, unha factoría de carbón vexetal. Crearía, afirman, 96 empregos e consumiría 63.000 toneladas anuais de madeira (o 8% do que se corta no noso país). Un proxecto vencellado ao de silicio solar, anunciado no seu momento polo grupo de Villar-Mir e que investiría 42 millóns de euros. Promesas que se fan como contrapartida a unha venda das centrais hidroeléctricas, denuncian desde o cadro de persoal.

Os traballadores de Ferroatlántica xa cualificaron o anuncio da factoría de carbón vexetal como unha “tomadura de pelo”.