A leve suba no prezo do leite non frea a sangría no feche de granxas en Galiza: 46 nun mes

A leve suba no prezo do leite non frea a sangría no feche de granxas en Galiza: 46 nun mes

O prezo medio que se paga aos gandeiros galegos aumentou de xaneiro a outubro 1,7 céntimos o litro. Nese período tiveron que botar o fecho 329 explotacións, unha media de 8 por semana.


Galiza comezou o 2018 con 8.476 explotacións de leite e pagándoselle o litro aos gandeiros – de media- a 30 céntimos. Unha mellora a respecto dun 2016 que se despedira cun prezo de 29,8 céntimos ás 8.517 granxas leiteiras activas no noso país. Así pois, o 2017 entrou con 0,02 céntimos máis por litro e 41 explotacións menos que no mes anterior.

 

Esa dinámica, leve suba do prezo e continuar a sangría de fechamento de granxas, mantense durante estes meses de 2017. Das 8.476 explotacións de xaneiro pasamos en outubro a 8.117, o que supón 329 menos, unha media de 8 explotacións tendo que clausurar por semana. Entre xaneiro e outubro o prezo medio que se paga polo litro de leite pasou dos 30 céntimos a 31,7, segundo o informe do Fondo español de garantía agraria. Subiu, mais non abondo e en moitas ocasións o que se paga non cubre os custos de produción.

 

De setembro e outubro fecharon 46 granxas en Galiza, unhas 3 cada 2 días. No Estado español nestes dez meses foron 639 as explotacións que tiveron que poñer fin á súa actividade. A metade delas, galegas. A fenda entre o prezo medio español e galego por litro de leite diminúe mais mantense: en xaneiro era de 1,6 céntimos a comezos de ano e agora de 1,1. O prezo que se paga en Galiza mantense, ano tras ano, como o máis baixo de todo o Estado, moi inferior ao de territorios lindeiros como Asturies ou Castela, onde se pagan 3 céntimos máis por litro que no noso país. 



x