A liberación de 20.000 Tm de leite en pó no mercado ameaza con afundir os prezos

A liberación de 20.000 Tm de leite en pó no mercado ameaza con afundir os prezos
Unha manifestación do sector lácteo.Imaxe: @revistaafriga
Unha manifestación do sector lácteo.Imaxe: @revistaafriga  

O SLG expón no Observatorio do Mercado do Leite que eses excedentes nunca deberían chegar ao mercado e que cómpre buscar vías alternativas.


A Comisión europea pretende liberar no mercado en decembro un continxente de 20.000 toneladas de leite en po, procedente das retiradas pola intervención pública. Unha medida que desde o Sindicato Labrego Galego xa anuncian que implicaría un novo afundimento dos prezos. A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, participou nunha nova xuntanza do Observatorio do Mercado do Leite (Milk Market Observatory-MMO), en Bruxelas, onde se deu a coñecer esta nova.

“O mercado non está en condicións de recibir un continxente de execedentes de leite”, mantén o SLG. De finalmente producirse, “remataría cos primeiros síntomas de recuperación da crise do sector lácteo e volvería a afundir os prezos”.

A Comisión Europea argumenta que a mellor época para liberar estes excedentes é entre outono e inverno, aproveitando a baixada estacional na produción pois en primavera ou en verán aumenta a produción de leite. Porén, sostén o Sindicato Labrego, eses excedentes nunca deberían chegar ao mercado, “cómpre buscar vías alternativas para a súa utilización que non inflúan no prezo do leite, como destinalo a alimentación animal”.

Isabel Vilalba puxo esta cuestión enriba da mesa na xuntanza mantida esta quinta feira entre a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e SLG, UUAA e XXAA. A secretaria xeral do SLG pediulle expresamente a Vázquez que Galiza se posicione en contra da liberación destes excedentes de leite en po, e que interceda diante da ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para que faga outro tanto no Consello Ministerial de Agricultura da UE.