Máis de 183 millóns de horas extras non pagas cada ano no estado español

Máis de 183 millóns de horas extras non pagas cada ano no estado español
CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola
CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola  

Madrid e Galiza lideran a porcentaxe de horas extras ilegais no estado.


No 2015 realizáronse no estado español un total de 327 millóns de horas extras. Unha media de 6,3 millóns á semana. Desa cantidade semanal, a maior parte (por volta de 3,5 millón) non se retribúen. Nun con cartos nin con tempo de descanso. Algo que se fai só en 2,8 millóns de cada 6,3 millóns de horas de exceso de xornada que se realizan á semana. Son datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e as conclusións son evidentes: o 56% das horas extras que se fan no estado español non se pagan. Ou sexa, perto de 183.120.000 horas anuais sen retribuír.

Ese 56% de exceso de xornada que non se paga supón un aumento considerábel a respecto do que a propia enquisa e estudos marcaban no 2008. Daquela, esa falta de retribución afectaba ao 32% das horas extras realizadas. Estamos falando de 24 puntos menos.

Coa crise, e así se recolle nun estudo elaborado por Comisións Obreiras a nivel estatal, deuse unha redución nas horas extras. Mais non en todas as horas. Reducíronse as pagas mentres que as non retribuídas non varían. Así, de 2008 a 2015, “con dous millóns menos de traballadores continúan a se realizar un volume similar de horas extras non pagas, ao tempo que as compensadas reducíronse á metade”.

Un documento sobre esta cuestión, elaborado polo PSOE no 2014, situaba Madrid e Galiza mo os dous territorios do estado español con maior porcentaxe de horas extras ilegais: 14,6 e 13,6% respectivamente. Unha porcentaxe sensibelmente superior á de Catalunya, Euskadi ou Nafarroa, que andaban polo 4%. No que atinxe a Galiza, no 2015 realizáronse 655.286 horas extras e no exercicio anterior, 2014, foron 643.872, segundo a EPA.