APRESENTACIÓN DE “AS CONTAS QUE NOS CONTAN”, DE XOSÉ DÍAZ

“A metodoloxía empregada nas balanzas fiscais é un disparate”

“A metodoloxía empregada nas balanzas fiscais é un disparate”
Xosé Díaz, durante a apresentación de "As Contas que nos contan"
Xosé Díaz, durante a apresentación de "As Contas que nos contan"  Xosé Fandiño

O economista Xosé Díaz presentou no serán desta terza feira -e nun acto organizado pola sociedade cultural Medulio na Galería Sargadelos de Ferrol- o libro “As contas que nos contan, editado por Sermos Galiza.


As contas que nos contan é unha análise propia das balanzas fiscais entre Galiza e o Estado que vén de saír do prelo e na que o ex deputado do BNG cuestiona a metolodoloxía empregada polo Goberno central na elaboración das mesmas. “Eses traballos que se publican periodicamente inciden na idea perversa de que somos un pobo dependente e incapaz de nos valer por nós mesmos: eu rexeito que iso sexa certo e, de feito, penso que, para nos desenvolver plenamente, precisamos de máis soberanía do que aquela que nos ofrece o modelo actual”, explicou. 

Nunha apresentación inzada de datos e referencias á actualidade económica e política, Díaz cargou primeiramente contra a propia concepción que os autores das balanzas do Goberno teñen a respecto da súa utilidade. “A súa pretensión é asimilar as balanzas á economía cando aquelas non deixan de ser unha parte desta, cando non deixan de ser instrumentos para ver como se partillan os fluxos económicos entre dous ou máis espazos de soberanía”, sinalou. Nese sentido, dixo, “a metodoloxía non é un tema menor; aínda digo máis, é máis importante que as propias balanzas. A elección dunha metodoloxía determina os resultados”.

A metodoloxía non é un tema menor; aínda digo máis, é máis importante que as propias balanzas. A elección dunha metodoloxía determina os resultados

O autor explicou que a metodoloxía empregada polo Goberno, a de “carga-beneficio” –que, entre outras cousas impútalle a Galiza custos da Administración central do Estado que teñen a sede en Madrid, isto é, os chamados bens públicos puros-, é “falsaria e acientífica” porque, dixo, “trata de tomar a parte polo todo”. Díaz explicou que o Estado impútalle a Galiza máis de 1.100 millóns de euros por estes “servizos comúns” (Defensa, Seguranza, etc), a porcentaxe que estima lle corresponde polo “gasto” de máis de 17.000 millóns de euros que, ao parecer, supón a presenza da Administración Xeral do Estado en Madrid. “É un disparate”, sinalou o autor, “que un territorio como Madrid, que recada o 46% dos impostos –pola súa condición de capital- do Estado só supoña o 18% do seu PIB”. 

IMG_20161129_200635O economista avogou pola metodoloxía dos fluxos monetarios, pois traballa con “gastos reais, non imputados” e, ademais, porque, apuntou, “é a que se emprega nas balanzas fiscais entre a Unión Europea e o Reino de España”. Nese sentido, cualificou de “irónico e curioso” que o Estado empregue unha metodoloxía diferente coas Comunidades Autónomas e coa Unión Europea. Aínda máis, apuntou: “O resultado, seguindo a metodoloxía carga-beneficio, é de 1.500 millóns a favor –isto é, ingresa máis do que achega a Bruxelas. Pois ben, se entre a UE e España se empregase a metodoloxía que se emprega na balanza España-Galiza, o Estado tería un resultado negativo de 532 millóns. Coa imputación crearíase un gasto ficticio da UE no Estado español”.

Alén das fiscais, Xosé Díaz considera que para unha análise seria das relacións económicas entre Galiza e España cómpre incluír tamén outras variábeis, como a balanza enerxética ou a propia do sistema financiero, entre outras. “Na primeira, é unha obviedade que desde hai décadas somos proveedores de enerxía ao resto do Estado, nomeadamente Madrid; na segunda, xa é unha tradición que a captación de aforro supere en milleiros de millóns a concesión de cretos na nosa terra”.

O problema, rematou Díaz, radica “na descapitalización que estamos  a padecer desde hai moitísimo tempo”. “Estanse a drenar continuamente recursos para o desenvolvemento doutras zonas do Estado”, engadiu, “e iso está a lastrarnos e seguirá facéndoo se as cousas seguen igual”.  

No acto de apresentación de As contas que nos contan participaron tamén Elia Rico, a presidenta da sociedade cultural Medulio, e o presidente do consello de administración de Sermos Galiza, Xoán Costa.