Nen PP nen PSdeG apoian que o Parlamento investigue a venda do Popular-Pastor por un euro

Nen PP nen PSdeG apoian que o Parlamento investigue a venda do Popular-Pastor por un euro
Noa Presas, no Pleno do Parlamento esta cuarta feira
Noa Presas, no Pleno do Parlamento esta cuarta feira  

O BNG quería que a comisión de investigación sobre o desaparecimento das caixas galegas pesquisase tamén o proceso que levou á venda do Popular-Pastor ao Banco de Santander, unha operación que a formación nacionalista cualifica como "estafa bancaria". A iniciativa bateu co muro da maioría absoluta do PP e tampouco contou co apoio do PSdeG, que se abstivo. A cámara si aprobou unha iniciativa socialista transaccionada coa formación conservadora en que se insta os órgaos de supervisión bancaria a que investiguen as últimas ampliacións de capital do Popular previas á súa compra polo Santander.


Foi a deputada ourensá Noa Presas a encarregada de defender perante a cámara unha iniciativa visando a investigación da operación de compra do Popular-Pastor polo Banco Santander. Tratábase de que a comisión sobre as caixas amplíase o seu obxecto de investigación a este asunto.

 

O portavoz do grupo maioritario, Pedro Puy, baseou o non do PP sobre o argumento de que "o lóxico é que se investigue onde corresponde e non na cámara galega". “Nunha estafa ou se está cos e coas estafadas ou se está cos estafadores”, dixo, por súa parte, Noa Presas.

 

O Bloque non comprou o argumento de Puy porque, entende a formación nacionalista, si é preciso estabelecer as responsabilidades políticas nun episodio que vai resultar nun novo chanzo no proceso de concentración do aforro galego en entidades alleas ao país. "Esta estafa é o final dunha cadea de decisións políticas e na supervisión os gobernos galegos e estatal, ben como os organismos reguladores, tiveron unha importante responsabilidade na caída do Banco Pastor", alegou.

 

Neste contexto, acrecentou, "non cabe dicerlle aos supervisores que se supervisen, sería como se alguén copia nun exame e deixamos que se vixíe a si mesmo", razoou.

 

Enfatizou Presas que nese episodio fallaron todos os controis: o do Banco de España, o da CNMV, o das empresas auditoras e o dos gobernos estatal e galego. "E da noite para a mañá precipitouse unha entidade que viña de superar os test de estrés europeus e avalada polo Banco de España".

 

Por unanimidade

 

A iniciativa que si foi aprobada por unanimidade é a que formulou perante a cámara a parlamentar do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo. A proposición non de lei, transaccionada co PP, insta os órgaos de supervisión bancaria a que investiguen as últimas ampliacións de capital do Popular-Pastor antes de ser vendido por un euro ao Banco Santander.

 

Ao asumir esta proposición, o Parlamento galego pede outras dúas cousas: que se manteña na Galiza a marca Banco Pastor (entidade previamente absorbida polo Popular) e que os novos propietarios "manteñan os compromisos" coa Fundación Barrié de la Maza.

 

 



x