O de Pescanova ten delito

O de Pescanova ten delito
Fernández de Sousa-Faro, actualmente presidente en funcións, é investigado pola CNMV por se utilizou información privilexiada.
Fernández de Sousa-Faro, actualmente presidente en funcións, é investigado pola CNMV por se utilizou información privilexiada.  

O xulgado afasta Fernández de Sousa da presidencia da pesqueira e pon a CNMV á fronte. A comisión ten así todas as bazas para investigar unha xestión e uns usos de información privilexiada que van alén do anterior presidente. Non só el vendeu títulos da multinacional ás portas do estoupido da crise. A Fiscalía investiga posíbeis delitos.


O Xulgado de Pontevedra declara oficialmente Pescanova en suspensión de pagamentos e afasta Fernández de Sousa da dirección da empresa, dando as súas rendas á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) mediante administrador concursal. Este é, polo de agora, o último movemento no taboleiro da crise dunha empresa en que, entre moitas outras cousas, están en xogo 1.500 empregos directos na Galiza.

A decisión do xulgado do mercantil número 1 de Pontevedra favorece, tamén, que o supervisor teña marxe de manobra para afondar nas investigacións que están en marcha sobre esta multinacional, como a da fiscalía xeral do estado sobre información privilexiada. Algo tipificado como delito no artigo 285 do código penal.

O albo desas investigacións non se cinxirían só a Fernández de Sousa e á venda semanas antes de estourar a crise de dous millóns de títulos. Nin na mesma xogada feita tamén, aínda que meses antes do preconcurso, por Paz-Andrade.

O uso da información privilexiada é un delito tipificado no código penal até con catro anos de prisión

Sabadell vendeu títulos horas antes

Así, Fontes do consello da multinacional apuntan que o broker do Banco Sabadell vendeu títulos de Pescanova nas sesións do 26 e 28 de febreiro. Isto é, horas antes de que a compañía pedise o pre-concurso (o 1 de marzo), medida que sorprendeu, por inesperada.

É máis, sinalan que esas accións se venderon cando subiran na Bolsa de Madrid 4%. "Algo que, visto o visto, xera preguntas. A principal: sabían algo?". O Sabadell é o principal acredor de Pescanova, con 220 millóns de euros só na matriz.

Xa que logo, as investigacións, ben as desenvolvidas pola CNMV ben pola fiscalía, "poden dar máis dunha sorpresa", indican fon- tes sindicais, que insisten en que o principal nestes momentos é evitar a toda costa a liquidación da firma, para alén de garantir os empregos e a viabilidade da empresa".

Nos últimos días, o xa ex-presidente blindou bens, propiedades e empresas ao poñer a familiares como socios principais

Outras fontes, de avogados de accionistas, inciden en que o feito de que se afaste Sousa de Pescanova non significa, "nin de lonxe", que o papel deste empresario vigués até non hai tanto mimado e aplaudido polo tecido empresarial e político, estea acabado na multinacional.

Así, lembran que nestas semanas o propio Fernández de Sousa era consciente de que tiña que se blindar, de aí que pasase propiedades e titularidade de empresas, bens e propiedades a mans de familiares. Poñer a salvo de posíveis embargos o seu patrimonio non é unha manobra que indique precisamente tranquilidade por parte do até o de agora presidente de Pescanova. Mais, iso si, é un "movemento de libro", como indican na prensa económica ante o temor a sofrer un embargo. Os cambios xa constan no rexistro mercantil e a muller de Sousa pasa a ser titular de fincas, inmobles, propiedades e bens.

Unha soa chamada a Feijóo que prexudicou o marisqueo galego

"Agora mesmo está cuestionado, en horas baixas, mais eu esperaría antes de dalo por enterrado", indican no mencionado bufete. Lembran que foron moitos anos de estreita relación co poder económico (entidades financeiras, organismos empresariais) e político (PP).

Un directivo dunha organización bateeira con centos de socios lembra: "Agosto de 2011, a Consellaría decide instalar en augas de Xove unha batea para depurar moluscos afectados pola toxina. Un punto acordado por profesionais e técnicos. Mais alí había unha planta de Pescanova. Sousa chamou a Feijóo e dixo que non quería aquela batea alí. En días, e contra o criterio do sector e de técnicos, a batea levouse para Oleiros".

 

Borrar pegadas no padroado do CGAC

 

O goberno galego meteuse nunha (nova) lameira el soíño. Unha lameira da cal semella que non vai saír moi limpo. Nomeou a través do diario oficial a Fernández de Sousa en febreiro de 2011 como presidente do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). O grande empresario como gran fichaxe do gran presidente para un gran centro, dicían daquela. Estoupou a crise de Pescanova, Sermos Galiza lembrou que Sousa seguía de presidente do padroado, e a Xunta apresurouse a dicir que non, que demitira había xa 5 meses. Demisión da cal ninguén tiña constancia, nin sequera @s membros do padroado. Foi por carta ao conselleiro, engadiron entón na Xunta. Mais a renuncia nin se publicou no DOG nin se fixo oficial de xeito ningún. De aí que haxa quen apunte a unha renuncia pactada entre a Xunta e Fernández de Sousa. Un pacto, tamén, con vontade de pasar desapercebido. Mais iso non foi posíbel. A preguntas de Sermos, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, recoñeceu esta semana que o coñecemento que tiña desa renuncia era porque llo dixo o conselleiro. Evitou, aliás, relacionar dita demisión de Fernández de Sousa coa profunda crise de Pescanova.

 

Este texto apareceu no Sermos44, publicado a 26 de abril de 2013.



x