O patrimonio das fortunas galegas incrementouse coa crise e supera xa os 32.400 millóns de euros

O patrimonio das fortunas galegas incrementouse coa crise e supera xa os 32.400 millóns de euros

O número de ricos aumentou coa crise e os seus bens medraron en máis de 7.000 millóns en tres anos.


Aumenta o número de ricos e aumenta o seu patrimonio. Xa hai máis fortunas en Galiza agora do que había nos primeiros anos desta gran recesión económica. Así o testemuñan os dados de Facenda correspondentes ao exercicio 2014 e publicados recentemente. En Galiza hai 7.600 persoas ricas, categoría que gozan aquelas que teñen bens superiores aos 700.000 euros. Son 163 persoas máis que no exercicio anterior, o 2013. En só un ano o número de fortunas en Galiza aumentou a tres novos ricos por semana. A diferenza con 2011, nun dos anos máis duros desta crise, é de 500. É dicir, que hai medio milleiro de ricos máis agora que entón.

O patrimonio dos ricos galegos aumentou a máis de catro millóns de euros diarios durante a crise

O patrimonio que atesouran estas fortunas galegas elévase en total a perto de 32.500 millóns de euros, unha cifra enorme e que supón 7.000 millóns de euros máis que a cantidade que os ricos de Galiza sumaban en 2011. Un ritmo de incremento de catro millóns de euros máis cada día. O patrimonio das fortunas que hai en Galiza multiplica por catro o orzamento da Xunta de Galiza para 2015.

Capital e traballo

Recentemente, UXT Galiza presentaba un informe que concluía que desde 2007 na Galiza as persoas asalariadas perderon 1.211 millóns de euros mentres que as empresas gañaban 523 millóns. “O traballadores foron os grandes perdedores dunha crise que eles non xeraron e en que as grandes culpables desta situación que se describe foron as reformas laborais e da negociación colectiva”, denunciaban desde o sindicato socialista.

O peso dos salarios no PIB galego caeu en catro puntos desde 2009 mentres que o dos beneficios empresariais aumentou en dous puntos. Unha evolución que dá a volta a achega que fai cada un deles ao produto interior bruto do noso país,. A finais de 2015, os salarios eran o 44,4 do PIB e os beneficios das empresas, o 45,5. Sete anos antes, no 2009, cando a crise comezaba a galopar con forza, as rendas do traballo representaban o 48,6% e os beneficios empresariais, o 43,7%. Unha diferenza de 5 puntos. Agora é só dun e a favor das empresas.