“A patronal quere retrotraer as 12.000 traballadoras da conserva ao século XIX”

“A patronal quere retrotraer as 12.000 traballadoras da conserva ao século XIX”

A patronal procura ampliar a xornada laboral de segunda feira a domingo, así como aumentar o número de horas de traballo anuais e as de libre disposición pola empresa. Falamos con Rosa Abuín, representante da CIG, do que está en xogo na negociación do convenio da conserva.


Desde abril levan sindicatos e patronal ás voltas co convenio estatal da conserva, un sector que na Galiza supón falar de 12.000 operarios, na súa inmensa maioría mulleres. “A cuestión non está a ser tanto salarial como evitar as pretensións da patronal, que pasan por derrubar as condicións laborais en canto a xornada de traballo ou a respeito de calquera mínima posibilidade de conciliación da vida laboral e familiar”, explica Rosa Abuín, que toma parte nas negociacións do convenio en representación da CIG.

O sindicato nacionalista vén de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas para informar das consecuencias das propostas da patronal conserveira e ao tempo para rexeitar unhas medidas que, afirma Abuín, “queren retrotraer as traballadoras da conserva ao século XIX”. A intención do sector empresarial é o de incrementar a xornada en 40 horas anuais en catro anos, aumentar o número de horas de libre disposición pola empresa, e alongar a xornada laboral de segunda feira a domingo -agora é de segunda até a sexta feira-.

Preparar o terreo

Na mesa de negociación do convenio que decorreu o 3 e 4 de novembro Abuín detectou nos sindicatos estatais certa disposición a admitir algunha das propostas patronais, se ben avogando por unha serie de condicións. “Sinalaban que esa xornada de segunda feira a domingo fose voluntaria, de acordo co comité...”. Algo que non convence a CIG, que rexeita frontalmente o escenario proposto pola patronal. “Tamén as bases doutros sindicatos non están de acordo, porque na campaña de recollida de sinaturas está a firmar xente de UGT e CCOO”.

O vindeiro 2 e 3 de decembro volve reunirse a mesa de negociación. “En Madrid, porque é un convenio estatal, malia que o 80% dos que sentamos na mesa somos galegos e que o 80% dos traballadores e produción do sector está en Galiza”, sinala a representante da CIG. Porque esta é outra demanda do sindicato nacionalista: “Un convenio galego para o sector da conserva”.