Perto de 700.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social en Galiza

Perto de 700.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social en Galiza

Case 109.000 están nunha situación de pobreza severa. Aumenta o risco de pobreza nas franxas de idade de 30 a 44 anos e de maiores de 65.


Un total de 690.505 persoas están en Galiza en risco de pobreza ou exclusión social, unha cuarta parte da poboación galega. É un dos datos que ofrece o Informe do estado da pobreza en Galiza, que elabora EAPN, a Rede galega de loita contra a pobreza. O estudo, elaborado con datos de organismos oficiais, recolle como apenas variou o número de persoas nesta situación embora que os gobernos incidan en discursos de recuperación e fin da crise. 25,4% dos galegos e galegas estaban en 2016 en risco de poreza, 3 décimas menos que no ano anterior.

 

Aliás, 4% dos galegos están en pobreza severa. Son perto de 109.000 persoas, máis que todos os habitantes de cidades como Compostela, Lugo, Pontevedra ou Ferrol. Ou sexa, que hai 109.000 galegos con ingresos inferiores aos 4.104 euros ao ano (342 euros/mes). Unha situación que ten sido denunciada por diferentes actores, como o sindicato CIG ao se referir aos “traballadores pobres”: 1 de cada 3 asalariados ten ingresos por baixo do salario mínimo.

 

Por tramos de idade, o risco de exclusión social ou pobreza aumenta naqueles de 30 a 44 anos de idade e no de maiores de 65 anos. O máis numerosos (34% das persoas nesa situación) teñen entre 16 e 29 anos.



x