Pontón fala da "neolingua" de Montoro

Pontón fala da "neolingua" de Montoro
Bancadas da oposición no Parlamento galego
Bancadas da oposición no Parlamento galego  Foto: Laura R. Cuba

O PSdeG concorda co BNG en que a efeitos práticos a débeda das comunidades autónomas si que será parcialmente condonada. Esa quita deixará fóra Galiza, pois o goberno galego preferiu financiarse preferentemente na banca privada, alegou Ana Pontón. En Marea, por súa parte, denunciou a sumisión de Feijóo.


Os grupos parlamentares da oposición avaliaron esta terza feira, após a xunta de portavoces no Pazo do Hórreo, o contido da cimeira do PP decorrida onte na rúa Génova co refinanciamento da débeda das comunidades autónomas como principal asunto de debate.

 

O PP fabrica unha "neolingua" -en expresión utilizada por Ana Pontón- para enmascarar o que en realidade vai ser unha condonación, unha redución da débeda que suportan as comunidades autónomas que desde 2012 se financiaron a partir do Fondo de Liquidez Autonómica e o Fondo de Facilidade Financeira (FFF). A neolingua leva a Montoro a chamarlle reestruturación ao que a efeitos prácticos é unha quita. Feijóo, alegou a portavoz do BNG, intentou "distorsionar a realidade" -ao apresentarse perante a opinión pública como defensor dunha posición distinta da do ministro de Facenda-, mais a resultante final deixaría Galiza "fóra de xogo". "Canto nos vai custar?" perguntou en alusión a que as comunidades autónomas que foron ao FLA e ao FFF se beneficiarán de descontos no seu capítulo de débeda, mentres a Xunta terá que continuar a pagar os xuros á banca privada.

 

Leiceaga (PSdeG), por súa parte, tamén opinou que a quita si existe, embora sexa negada quer por Feijóo quer por Montoro. "Montoro di que non vai haber quitas, pero si un transvasamento das comunidades autónomas ao Goberno central... está a dicer que si vai haber quitas", sentenciou.

 

Por súa parte, Antón Sánchez (En Marea) puxo o acento en que da decisión de Feijóo de acudir ao mercado privado de débeda no canto de se financiar nos mecanismos públicos decorre un elevado sobrecusto para as arcas públicas galegas -estimado polo seu compañeiro de grupo parlamentar Manuel Lago en 1.600 millóns de euros. O buraco aberto por ese diñeiro nas contas do país teria sido cuberto a base de máis "recortes" dos servizos públicos, denunciou.
 



x