O próximo goberno terá de cortar 5 mil millóns de euros para cumprir coas exixencias de déficit de Bruxelas

O próximo goberno terá de cortar 5 mil millóns de euros para cumprir coas exixencias de déficit de Bruxelas
Cristóbal Montoro, ministro de Facenda
Cristóbal Montoro, ministro de Facenda  

O Goberno en funcións enviou este sábado a proposta de orzamentos 2017 á Comisión Europea. É basicamente a prórroga dos anteriores. Contemplan a continuidade do imposto do patrimonio e a suba do IBI.


As previsións do Goberno estatal son que o déficit público se sitúe ao termo deste ano no 4,6 por cento do PIB e se coloque no 3,6 por cento en 2017. As exixencias de Bruxelas para o próximo ano prescriben que o déficit non debe superar o 3,1 por cento. Isto significa que o próximo goberno, se quer cumprir coa Comisión Europea, terá de rebaixar a súa previsión do 3,6 por cento ao 3,1 por cento. Ou sexa, terá de apañar as tesouras e cortar o gasto público en 5 mil millóns de euros.

Aínda que a economía medrará por debaixo do 3 por cento, o goberno español estima que o paro caerá até se situar no 17 por cento da populación activa

Nas contas enviadas por Facenda a Bruxelas, o goberno español estima que en 2016 a economía fechará cun crecimento do PIB do 2,9 por cento, en tanto que se producirá unha certa desaceleración en 2017 até se situar o aumento da renda no conxunto do estado no 2,3 por cento.

Estes crecimentos do PIB están por debaixo do que usualmente se considera preciso para criar emprego nun mercado laboral tan precario como o español. Aliás, o Executivo de Rajoy estima que nos próximos meses continuará a se criar emprego e o prognóstico é que a taxa de paro se coloque en 2017 por debaixo do 17 por cento da populación activa, con arredor de 19 millóns de persoas ocupadas.