#SERMOSGALIZA233

Ramom L. Suevos: "Do clube do euro podemos e debemos saír"

Ramom L. Suevos: "Do clube do euro podemos e debemos saír"
[Imaxe: E.S.]
[Imaxe: E.S.]  

Analizamos con Ramom L. Suevos, un dos economistas de maior relevo no noso país e cunha dilata traxectoria docente na Universidade de Santiago de Compostela, o que deron de si os 25 anos de inserción na UE. Precisamente, nos 25 anos á sombra de Maastricht centramos o A Fondo que acompaña o Sermos 233, á venda na loxa e nos quiosques. Eis un extracto da entrevista.


Foi un mal negocio para Galiza estar na UE? Quen se beneficiou del?

Beneficiouse a clase dominante, as oligarquías financeiras, grandes empresas multinacionais. A Unión Europea levounos en primeiro lugar á desunión, porque houbo e hai unha división crecente entre o norte e o sur dentro de Europa. Na Galiza, o noso sector primario desapareceu, os que somos de Ferrol xa non lembramos como era aquilo con 90 mil habitantes, hai un desemprego moi grande a pesar da emigración e dos contratos precarios, hai pobreza como nunca e a desigualdade creceu moitísimo. Estaba cantado que na medida en Galiza non puido negociar nada, non había opción de ser unha Irlanda. Reduciuse o gasto sanitario, recortouse en ensino, en dependencia. En democracia tamén se retrocede. Que ten de democrático o BCE? Como se nomea a Comisión Europea? Non se fan referendos sobre a saída por se sae mal [para a UE] e onde se fan obrigan a repetilos até que saian ben, como sucedeu na Irlanda. A Europa de hoxe é unha Europa desunida, dividida, sen cohesión, que perdeu a dimensión social, que no plano democrático non é o que foi, e na que Galiza está de apéndice. Como nos vai ir? Pois, mal.

Diante desta disxuntiva, cal é a saída? Reformar a UE ou abandonala?

Véñenme a cabeza tres premios Nobel que no seu momento defenderon que a UE non era unha área económica óptima: Mundell, Krugman e Stiglitz. Este último acaba de publicar un libro sobre o euro e defende que hai que optar ou por máis Europa ou por menos, mais que así non vai. Ou sexa, ou facemos un Estado europeo ou hai que saír de aí. O de máis Europa eu non o vexo posíbel politicamente e, ademais, non o vexo desexábel. Creo que non hai que ir cara a grandes espazos políticos e económicos, creo que hai que ir cara ás nacións e facer unha economía internacional mais non unha economía globalizada na que as nacións actúan e se interrelacionan coas demais.

A UE é unha realidade moi diversa, con 500 millóns de habitantes, un grande número de linguas, de institucións económicas diferentes, con diversos graos de desenvolvemento, problemas xeoestratéxicos. Non se pode gobernar todo iso de maneira conxunta. Este clube [a UE] non funciona. Do clube do euro podemos e debemos saír. Agora, como saír? Depende de se se fai polas boas ou non. Hai que distinguir entre a transición, obstaculizada ou non, e a situación despois de se estabilizar. Por exemplo, unha Catalunya independente [fóra da UE e do euro] acabaría sendo unha Dinamarca. Non hai na economía contemporánea ningún factor que impida que as nacións relativamente pequenas como a nosa non funcionen ben, en Europa temos algúns exemplos.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no A Fondo que acompaña o Sermos Galiza 233, á venda na loxa online e nos quiosques]



x