SLG estuda levar perante Competencia os prezos “artificialmente baixos” do leite en Galiza

SLG estuda levar perante Competencia os prezos “artificialmente baixos” do leite en Galiza

“Sentímonos totalmente esquecidos e esquecidas pola Consellaría de Medio Rural”, di Lupe Prado, gandeira e responsábel da Dirección do Leite do sindicato.


O Sindicato Labrego Galego está a estudar  a posibilidade de denunciar perante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) a “situación anómala” que está a vivir o sector lácteo galego ao longo do ano 2017, “cos prezos estancados ou á baixa mentres non paran de subir en todo o Estado e na Unión Europea”.

 

Así, en Galiza os prezos mantéñense por baixo dos 30 céntimos litro mentres que “na Unión Europea os prezos do leite non paran de subir, sobre todo grazas a un forte aumento da demanda de manteiga, cun incremento do 29% no último ano e un valor medio que supera os 33 céntimos por litro”.

 

O prezo que se paga ao produtor por litro de leite en Galiza está á cola do Estado español. Se en xuño pagábase a 29,7 céntimos, en xullo foi a 29,9. Unha suba pequena que mantén a cotización no noso país non só por baixo da media estatal (31,6 céntimos) senón da que en Galiza se pagaba a comezos de ano (30,3). As entregas en Galiza ascenden, medrando por riba do 2% en xullo en relación ao mesmo período do pasado ano (228.000 toneladas e 222.650 respectivamente).



x