Trece concellos de Lugo suman forzas contra o proxecto de prohibir o eucalipto nos seus territorios

Trece concellos de Lugo suman forzas contra o proxecto de prohibir o eucalipto nos seus territorios

Advirten do grave impacto social e económico que tería o proxecto de decreto da Consellería de Medio Rural. Trasladan a súa preocupación á Deputación.


Trece concellos de Lugo fan fronte común contra a prohibición do eucalipto no seu territorio. O proxecto de decreto da Consellería de Medio Rural, que nestes días vai ser trasladado ao Consello Forestal, prevé a prohibición de plantar esta especie en 29 concellos da provincia lucense. Prohibición que se estende á provincia de Ourense, ficando A Coruña, Pontevedra e boa parte de Lugo como áreas para eucaliptos.

Alcaldes destes concellos participaron nunha xuntanza na Deputación de Lugo na que transmitiron a súa preocupación polo impacto social e económico desta medida. Lembran que neses municipios rurais o eucalipto é unha fonte de rendas para moitas familias, que os plantan nos seus terreos, así como ser a base dunha das poucas industrias que teñen, a da madeira.

Alcaldes como o de Fonsagrada consideran que este tipo de medidas supoñen “botar a xente do rural”, mentres que o rexedor de Castroverde considera que con esa prohibición “estase a promover unha vez máis unha Galiza de dúas velocidades”.

Portugal

 O goberno portugués quer dar un paso á fronte perante a expansión do eucalipto, unha especie que nestas dúas décadas se situou como a primeira na superficie forestal lusa, ocupando o 26% da mesa e desbancando o piñeiro bravo. Embora a oposición de parte da industria e propietarios, o executivo de Portugal incluíu na súa reforma forestal unha lei para conxelar a plantación de eucalipto no país até 2030,

Na actualidade hai 811.000 hectáreas plantadas con esta especie en Portugal, 100.000 máis que hai dúas décadas. Na Galiza, o eucalipto ocupa case 290.000 hectáreas da superficie arborada, cifra que desde entidades e colectivos elevan a case 370.000 Has.