O uso de software libre multiplicouse por catro nas pequenas e medianas empresas galegas desde 2007

O uso de software libre multiplicouse por catro nas pequenas e medianas empresas galegas desde 2007

O uso de software libre entre as pequenas e medianas empresas (pemes) galegas multiplicouse por catro desde 2007, pasando de 22,7% a 86,8%, segundo datos oficiais do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga) analizados por LibreCon.

 

Nas grandes empresas este medre tamén é continuo desde 2006 e xa superan a media no Estado español no uso deste software. Nas microempresas, 49,8% usa tecnoloxías abertas. Galiza sitúase como o noveno territorio con maior proporción de software libre nas empresas, por diante de Cataluña (85,5%), Madrid (84,7%) e Euskadi (82,2%).

 

Esta evolución confirma o que Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), considera como “unha oportunidade única” para a economía de Galiza, xa que “o software privativo impórtase, non é adaptable e xeralmente non achega nada especial, mentres que o software libre pode ser mellorado e, ademais, esas melloras pódense vender e mesmo exportar a calquera parte do mundo”.

 

Unha das vantaxes que proporciona este software é de carácter cultural e social, xa que o código aberto destas tecnoloxías permite modificacións “made in Galiza” para adaptarse á realidade de ser un país con dous idiomas oficiais.

 

82,6% dos concellos galegos utilizan software libre, cun aumento do 3,1% respecto ao ano anterior, fronte ao medre cero (+0,1%) dos privativos, segundo os datos de Osimga. Esa porcentaxe elévase a 100% nos municipios de máis de 20.000 habitantes.

 

LibreCon en Compostela, 19 e 20 de outubro

 

A importancia do software libre na sociedade e na economía debaterase os vindeiros 19 e 20 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia en Compostela, onde se celebrará a VII edición de LibreCon, o maior encontro internacional de tecnoloxías libres.

 

Este evento naceu en Santiago en 2010. Este edición céntrase no uso das tecnoloxías libres nos sectores Industrial e Primario, e nas novas oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías en campos como o cloud computing, análise de Big Data e o Internet das Cousas (IoT). Ademais, haberá un track especial dedicado á Economía Colaborativa.

 



x