5X2

A viabilidade do sistema público de pensións, a debate

A viabilidade do sistema público de pensións, a debate

O esgotamento do coñecido como peto das pensións leva a situar a lente sobre o sistema público de pensións para se preguntar sobre a súa orixe, presente e futuro. A nova entrega da sección 5x2 reúne Antolín Alcántara, secretario nacional de negociación colectiva da CIG, e Miguel Anxo Bastos, profesor de Ciencias Políticas e Socioloxía na USC, para debullar esta cuestión. Fanno no Sermos Galiza 246, á venda na nosa loxa.


Sermos Galiza. Estes meses abundou a raíz do peto das pensións o debate sobre a viabilidade ou non do sistema público de pensións...

M.A. Bastos. O peto das pensións é só un apunte contábel. Aznar abriu un fondo de pensións que dotou con 20 mil millóns de euros, ese fondo mercou débeda pública, nomeadamente española, e devolveu os cartos con outra man. Non hai cartos gardados nese peto. É un calote que non é novo, inventouno Roosevelt nos Estados Unidos.

A. Alcántara. O peto das pensións serve para referencializar o que son gastos e ingresos. Estes anos minguou e foron retirando diñeiro dese peto, que estaba investido en débeda pública, e iso serve agora como argumento para dicir que non hai ingresos e que hai que reformar as pensións: subir anos de cotización, aumentar idade de xubilación.

4

SG. O debate, logo, céntrase en como debería ser o financiamento do sistema público de pensións

Bastos. O sistema de pensións é un sistema contábel aparte, mais os ingresos que ten van para o estado e os gastos saen do estado. Nos anos de superávit, os ingresos excedentarios ían para o estado, que os gastaba. Agora hai déficit e os cartos que faltan cóbrense con impostos ou emisións de débeda. Crearon ese imposto de traballo co gancho da promesa de que nos ían dar unha pensión ao chegar a vellos. Cando a inventa Bismarck ten 20 millóns de cotizantes mais apenas uns miles a cobrar. Que acontece agora? Que hai menos xente moza traballando e moita xente maior xubilada. Isto afecta non só ás pensións senón a todo o estado de benestar: a sanidade, educación...

Alcántara. Queren convencernos de que as pensións teñen que autofinanciarse e iso non ten por que ser así. En 2011 o número de traballadores de alta na Seguridade Social (SS) eran igual que en 2016. Porén, a diferenza de ingresos era de 2.300 millóns de euros. É dicir, ingresábase máis en 2011 co mesmo número de cotizantes que en 2016. Iso afecta as pensións e débese á precariedade no mercado de traballo. Ademais da gran fraude que hai: Inspección denuncia que o 30% das horas que se traballan en contratos a tempo parcial non se cotizan. E cotízase un 15% menos de horas totais traballadas que hai 5 anos, cando agora hai máis asalariados que daquela.

 

[Podes ler o debate íntegro no número 246 do Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]



x