A Xunta denega a segregación solicitada por Villar Mir para poder vender as centrais

A Xunta denega a segregación solicitada por Villar Mir para poder vender as centrais

Informou os alcaldes da comarca e traballadores que a petición non cumpre cos requisitos. "A mobilización social consegue evitar a segregación e venda das centrais", sinalan desde o comité.


A Xunta denega a solicitude presentada por Ferroatlántica para segregar as actividades enerxética e industrial, un paso que lle permitiría vender as centrais hidroeléctricas que Villar-Mir explota nos ríos Xallas e Grande, na Costa da Morte. A Xunta responde así á petición que desde hai meses lle trasladaban traballadores, veciñanza e alcaldes da Costa da Morte. Esta cuarta feira, 26 de xullo, a Xunta informou os alcaldes da comarca e os traballadores que a petición non cumpre cos requisitos necesarios que fixa a lexislación. "Carece das condicións que establece a propia concesión de velar polo interese público".

 

"A negativa de Augas de Galiza confirma que as pretensións do Grupo Villar Mir son ilegais, por máis que a empresa buscara lexitimar social e xuridicamente esta operación, recorrendo mesmo a prácticas de tipo mafioso", indica CIG nun comunicado. O sindficato atribúe a decisión da Xunta á gran mobilización social ao longo destes meses contra a segregación. "Á espera de coñecer os pormenores da resolución de Augas de Galiza, o Comité non pode deixar de lamentar a demora na resposta da Xunta, nunha cuestión na que a legalidade era ben clara, prorrogando innecesariamente a inquedanza e a preocupación dos traballadores e traballadoras".

 

Desde Ferroatlántica anuncian que van recorrer a decisión da Xunta e ameazan con consecuencias para os traballadores e comarca. Din que van "revisar as súas actuacións de mecenazgo das que se benefician numerosos clubes e sociedades da contorna, ás que se destinan anualmente 400.000 euros".

 

Afirma, aliás, que a negativa da Xunta vai supoñer  "precarización" ddos empregos na Costa da Morte e en Sabón (Arteixo). "A decisión da Xunta prexudica gravemente os intereses de Galiza ao despreciar a creación de 200 empregos directos e 300 indirectos".

 

Reaccións

 

As reaccións a esta decisión non se deixaron agardar. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, parabenizou "a todas as persoas que loitaron en defensa do emprego e do futuro desta comarca, das que plantaron a cara a chantaxe que pretendía Villar Mir”. “Estou convencida que sen esa unidade en defensa do país, do emprego, da dignidade da Costa da Morte e de Galiza o resultado sería radicalmente oposto”, dixo.

 

Tamén desde En Marea se parabenizou os traballadores de Ferroatlántica e a toda a xente da Costa da Morte que se mobilizou contra a segregación. Luis Villares afirma que a unidade contra a segregación das centrais "ten que ser un exemplo da Galiza que non se resigna, que non se cre as mentiras de Feijóo e dque quere ter un futuro digno na súa terra sen ter que emigrar"

 

O pasado mes de febreiro coñecíase un feito relevante remitido ás autoridades bursátiles de Londres e Nova Iorque e polo cal as centrais hidroeléctricas de Villar Mir nos ríos Xallas e Grande ían venderse por 255 millóns de euros. Ferroglobe, resultante da fusión de Ferroatlántica coa estadounidense Globe, informaba que atinxiu un “acordo definitivo” para se desfacer das hidroeléctricas por esa cifra. Dela, o grupo recibirá 153 millóns, unha vez descontados gastos financeiros. A venda, para se materializar, está supeditado a certas cuestións. Unha delas, en palabras da empresa, é a das “aprobacións gubernamentais”. O que situaba a pelota no tellado da Xunta, que agora vén de denegar a petición.



x