A Xunta di que a súa decisión sobre Ferroatlántica será “técnica e xurídica”

A Xunta di que a súa decisión sobre Ferroatlántica será “técnica e xurídica”

O conselleiro de Economía di que “aplicará a lei con rigor” na petición da empresa de segregar actividades para poder vender as centrais galegas.


Unha decisión “técnica e xurídica” na que non hai cabida para “prexulgar desde o punto de vista político”. Esa vai ser a actitude da Xunta a respecto da petición formal cursada por Ferroatlántica de segregar actividades para poder vender as centrais galegas. Díxoo o conselleiro de Economía, Francisco Conde, a preguntas dos xornalistas, nunhas declaracións nas que non houbo ningunha mensaxe tranquilizadora para os traballadores das factorías da Costa da Morte. O que non fai senón aumentar a preocupación pois esta mesma semana, Feijóo eludiu no parlamento responder sobre o futuro de Ferroatlántica a unha pregunta do BNG.

Ferroatlántica solicitou formalmente á Xunta de Galiza a segregación da produción de ferroaleacións e da enerxía eléctrica, para poder así vender as centrais hidroeléctricas que posúe en Cee e Dumbría, na Costa da Morte. A través dun comunicado de empresa Ferroatlántica informa que deu inicio aos trámites “para levar a cabo a operación” e afirma que este paso é o “único” que garante o futuro da compañía no noso país e o “mantemento” do emprego.



x