Que cousa tan rara somos!: Unha viaxe polo significado de 'galego' a través de dicionarios europeos

Que cousa tan rara somos!: Unha viaxe polo significado de 'galego' a través de dicionarios europeos

Podemos ser polacos ou ucraínos ao tempo que dar nome a un vento ou ser sinónimos de persoa loira. Polo camiño, bautizamos unha lagartixa e varias froitas, e somos equivalentes a un mozo de corda.


Procurar a entrada 'galego' por algúns dicionarios elixidos ao chou de idiomas europeos pode dar para pasar un bo momento, para botar uns risos e mesmo para se sorprender (e tamén aprender). É a definición que de nós se fai para os falantes doutros idiomas nos seus respectivos dicionarios.

Para o dicionario francés (Le-dictionnaire) ante o termo 'galicienne' o primeiro é diferenciar: se somos orixinarios de 'Galice' (“Rexión de España perto de Portugal”) ou de 'Galicie' (“en Polonia”). Se a resposta é a primeira, ademais de “nativo ou habitante desa rexión” o dicionario envíanos ao termo composto 'galicienne-portugaise'. E aí fálase do noso idioma? Pois non, na entrada limitanse a sinalar que ese termo é “relativo á provincia española de Galicia, norte de Portugal e Portugal”. Moito máis parcos son no 'Dizionario italiano Olivetti', onde 'galiziano' figura como “habitante ou orixinario de 'Galizia'. E punto.

Oxford

O Dicionario Oxford da lingua inglesa para 'galician' comeza por diferenciar entre nome e adxectivo. Como adxectivo, é “relativo a Galiza, á súa xente ou á súa lingua”. Mais, aponta este dicionario, como 'galician' tamén pode ser relativo á “Galicia, no este e centro de Europa”. Pero que Galicia é esa? Pois un territorio repartido entre Polonia e Ucraína, e cunha historia máis que turbulenta. Tamén se coñece como 'Galitzia'.

Ben, isto en canto ao que atopamos en 'galician' como adxectivo. E como nome? Pois no dicionario de Oxford sinalan que é “nativo ou habitante de Galicia, no noroeste de España”, e tamén que é “o idioma, unha lingua romance intimamente relacionada co portugués e que é falada por volta de 3 millóns de persoas, a maioría das cales tamén falan español”. Ah! Tamén, como nome, esta entrada fai referencia a “nativo ou habitante de Galicia, na Europa do este”.

Que curioso

Se imos ao Dicionário Priberam da Língua Portuguesa, galego, como adxectivo é “Relativo ou pertencente à Galiza, Relativo ao galego enquanto sistema linguístico, Diz-se de certas variedades de frutos e legumes (ex.: couve galega, limão galego).

No apartado de galego' como substantivo masculino, a cousa enriquécese. O termo define ao “natural ou habitante da Galiza”, ou á “língua românica ou variedade do português falada na Galiza. Mais a partir de aí o dicionario luso recolle 5 acepcións máis. Tres delas para dar cabida a rexistros “informais” nos que 'galego' ten connotacións despreciativas: galego como mozo de fretes, galego como “indivíduo que faz trabalho pesado e intenso” e galego como “homem grosseiro, malcriado ou rude”. E non acaba aquí, senón que tamén rexistra un significado despreciativo que 'galego' ten no Brasil: “português de baixa instrução”. No país carioca, e como rexistro informal, 'galego' é tamén unha persoa loira.

E que di de nós o Dicionario da Real Academia Española? Na súa última edición retirou acepcións de calego como “tatexo” ou “parvo”. Mais 'galego' ten até 10 entradas. Para se refirir ao “natural de Galicia” ou ao idioma propio do noso país. Mais para temén sinalar que, é o nome que en Castela se lle dá ao vento que lles chega da parte de Galiza, ou para indicar que en non poucos países latino-americanos dise para se referir a unha persoa nada no Estado español ou de ascendencia española.

'Galego' tamén é, en Nicaragua e Costa Rica, o nome dunha lagartixa que vive na beira dos ríos e que nada moi rápido. Neste segundo país, tamén dá nome a un 'cabaliño do demo' e en Cuba e Puerto Rico a un ave palmípeda. En Cuba, por 'galego' tamén se coñece o dispositivo que se emprega para aplanar e nivelar a caña antes de moerse.

Wiki

Mais unha viaxe polo termo 'galego' polos dicionarios do mundo é un aperitivo se comparamos cunha viaxe por 'Galiza' a través das wikipedias nos diferentes idiomas. Un avance: os suecos destacan a nosa música, citando entre outros nomes, Juan Pardo e Marta Sánchez.  



x