A Garda Civil multa a embarcacións pesqueiras galegas por non levar a bandeira española

A Garda Civil multa a embarcacións pesqueiras galegas por non levar a bandeira española

Está a levantar acta de proposta de sanción de até 1.500 euros a pequenas embarcacións de baixura que faenan dentro da Ría de Arousa sen levar o pavillón 'nacional'. Baséase nun Real Decreto de 1980 que non se estaba a aplicar e que di que a bandeira española ten que ir en lugar ben visíbel


Non levar a bandeira española “en lugar bien visible y en la popa del barco” é o 'delito' que lle está a custar a pequenas embarcacións de pesca de baixura da Ría de Arousa multas de entre 800 e 1.500 euros. “A ganancia dun mes”, como lamenta un mariñeiro de Rianxo.

As sancións están a ser levantadas pola Garda Civil que as remite á Capitanía Marítima (Neste caso, a de Vilagarcía), que é quen ten competencia sobre este tema. Varias embarcacións da zona de Aguiño, Santa Uxía de Ribeira e A Pobra do Caramiñal xa foron interceptadas nestas semanas por axentes do Instituto Armado e sancionadas por non levaren ondeando en popa a bandeira de España, recoñecen fontes de confrarías do Barbanza. A maioría son pequenas embarcacións que non chegan aos seis metros de eslora.

Resucitar un Real Decreto que non se estaba a aplicar

A obriga de levar a bandeira española nos barcos, e en lugar ben visíbel, figura no Real Decreto 2335/ 1980. No seu artigo número 1 di que “todos os barcos enarbolarán como único pavillón a bandeira de España”. No número 2, engade: “ningunha bandeira poderá estar izada se non está o pavillón 'nacional'”.

"Os que andamos ao mar dentro da Ría, xa sexa marisqueo, baixura, á batea...non levabamos bandeira ningunha no barco. Só nas procesións. Agora, obríganche a levar a española ou...a pagar"

Mais estas disposicións non estaban, até o de agora e en Galiza, aplicándose. Recoñéceno confrarías e mariñeiros. “Normalmente, e aquí, dentro da Ría, nos que andamos á baixura, ao marisqueo ou á batea; non se levaba ningunha bandeira no barco. Só se pon para as procesións, o Carme,...”

Engaden, a este respecto, unha cuestión: “Iso si. De levar unha bandeira galega, poñías a española, porque sabías que podías ter problemas coa Garda Civil. Pero se non levabas ningunha, non pasaba nada. Era o que faciamos a gran maioría, non levar ningunha. Mais agora obrígante a levar a española”.

Un buque da armada impúxoa en Catalunya

O que está a acontecer nestas semanas na Ría de Arousa (onde teñen porto base máis de 1.600 embarcacións de artes menores e máis de 800 para traballar na batea) pasou hai uns meses en Catalunya.

Alí, e na zona de Roses e Cambrills, mesmo un buque da Armada Española fixo acto de presenza en outubro de 2012 para obrigar a volver a porto a aqueles barcos pesqueiros que non levaban izada e ben visíbel a bandeira española



x