Unha plataforma veciñal loita por manter Santa Cruz (Oleiros) aberta ao mar

Unha plataforma veciñal loita por manter Santa Cruz (Oleiros) aberta ao mar
Parcela afectada (Foto: Plataforma veciñal)
Parcela afectada (Foto: Plataforma veciñal)  

Denuncian a construción dun edificio de 18,5 metros no litoral da vila de Oleiros que racharía co gran valor patrimonial, paisaxístico e medioambiental da zona.



Todo comezou en 2012 cunha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Os votos favorábeis de Alternativa dos Veciños, o partido que goberna dende hai tres décadas en Oleiros, co apoio do PSOE, abriron a porta ao proxecto. Construír un hotel de cinco estrelas sobre unha das mellores parcelas, situada ao pé da ría da Coruña, na vila de Santa Cruz de Liáns.

No soar resistía en estado ruinoso o hotel Maxi, pechado dende 2006, e que foi adquirido un mes despois pola empresa Hostcastros S.L. Unha compañía fundada por José Collazo Mato, considerado un dos maiores magnates do xogo en Europa, xunto ao seu curmán e socio empresarial Manuel Freijeiro. A única actividade de Hostcastros dende a súa creación nos 90 foi a compra do Maxi.

 O Concello permitiu que o volume do hotel supere significativamente ao anterior, cunha altura de 18,5 metros.

Un ano despois de cambiar o plan urbanístico, en maio de 2013, comezaba a súa demolición. A reacción social chegou logo de se coñecer o estudo de detalle presentado pola promotora. O documento permitiu que o novo hotel teña catro alturas, unha máis que o anterior até un máximo de 18,5 metros, e que ocupe o ancho total da parcela. Desta forma, o volume da obra supera significativamente ao anterior edificio. 

A veciñanza en pé contra a obra    

A plataforma veciñal ‘Santa Cruz aberta ao mar’ naceu en novembro logo dunha asemblea informativa convocada polo BNG de Oleiros, que votou en contra en todas as fases do proxecto. “A opinión maioritaria foi que o proxecto condicionaría durante moitas décadas o urbanismo de Santa Cruz, restándolle atractivo e prexudicando seriamente a calidade de vida dos veciños e veciñas”, din dende a plataforma, que apostan por darlle un uso social ao espazo.

O proxecto racharía coa riqueza da paisaxe, coa cidade da Coruña ao fondo e o emblema da comarca, o histórico Castelo de Santa Cruz. 

A construción ameaza con ‘pechar’ de novo o casco urbano da vila ao mar. Unha barreira que racharía as vistas á ría e a cidade da Coruña xunto ao emblema da comarca, o histórico Castelo de Santa Cruz. “É o noso patrimonio, o que atrae milleiros de visitantes cada ano. Sorpréndenos que o alcalde Ángel García Seoane, que sempre se presentou como defensor do urbanismo de Oleiros, aprobara a dedo esta obra”, sinala Isabel Torrado, voceira da plataforma.

Torrado remarca que o movemento veciñal agrupa a persoas con diferentes ideoloxías e que non teñen implicacións políticas. Polo momento conseguiron xuntar máis dun milleiro de sinaturas e seguen a buscar apoios entre a veciñanza, os colectivos sociais e políticos, cada domingo a carón da parcela afectada. Tamén preparan unhas xornadas técnicas, onde profesionais de diferentes sectores explicarán o impacto do edificio. 

Do hotel de luxo ao bloque de vivendas

O proxecto segue varado a falta da licenza de obra, xa solicitada, e a súa posterior aprobación polo Concello. A Xunta, con competencias en protección do patrimonio e o medio ambiente, abstívose de actuar. “Entendemos que non se concedeu pola proximidade das eleccións e porque estamos a facer moito ruído”, explica a voceira veciñal.

“Entendemos que non se concedeu a licenza aínda pola proximidade das eleccións e porque estamos a facer moito ruído”, explica a plataforma veciñal.

De feito, o proxecto deu unha viraxe nas últimas semanas. Os propietarios da parcela, a empresa Hostcastros, anunciou que abandonaba a idea dun hotel de luxo acristalado por un aparthotel. “O final será un bloque de vivendas. Queren enganar co nome para axeitalo ao PXOM. Pero serán pisos de aluguer de longa estadía que non van xerar postos de traballo na vila”, incide Torrado.

Quen está detrás do proxecto?

Hostcastros está administrada por Manuel Freijeiro, socio do holding de José Collazo, dono de Comar, que posúe decenas de casinos e salóns de xogo en todo o mundo. Ambos acumulan numerosas inversións inmobiliarias en Oleiros e na provincia coruñesa. 

Non é a única conexión. Os plans iniciais para o hotel de Santa Cruz prevían que estivese vinculado á construción dun campo de golf en Xaz, segundo declarou o o rexedor García Seoane. Unha obra impulsada polo promotor Manuel Jove, outra das grandes fortunas galegas, antigo propietario de Fadesa e que posúe a casa máis luxosa de Oleiros.

A boa relación empresarial de Collazo e Jove quedou patente hai un meses coa venda do Hotel Carrís e o centro comercial Marineda City, na cidade da Coruña. Un 'pelotazo' de 260 millóns negociado co fondo de inversión Merlin Properties, participado polas entidades Goldman Sachs, UBS e Credit Suisse.



x