O BNG defenderá en Madrid aos 400 emigrantes que son acusados de fraude por unha norma que descoñecían

O BNG defenderá en Madrid aos 400 emigrantes que son acusados de fraude por unha norma que descoñecían
Deputadas do BNG no Congreso
Deputadas do BNG no Congreso  

Centos de galeg@s non foron informad@s de que as pensións que cobraban no estranxeiro tiñan que tributar, polo que Olaia Fernández pedirá no Congreso que se anulen as sancións. 


Na mesma semana na que o Goberno anunciou o seu plan para recentralizar toda a acción exterior, deixando así sen tratamento propio á actividade económica galega e tamén aos seus milleiros de emigrantes, a representación do BNG no Congreso dos Deputados presenta dúas iniciativas en defensa da diáspora de Galiza no estranxeiro. A deputada Olaia Fernández Davila, formalizou unha proposición non de lei na que insta ao Ministerio de Facenda a anular os expedientes sancionadores que enviou a uns 400 emigrantes galegos -cifra que podería ser maior- e que cobraron pensións estando fóra do Estado que “descoñecían que estaban suxeitas a tributación”. 

"Non sabían a obriga de declarar na Axencia Tributaria estas pensións e está claro que en ningún momento tiveron intención de defraudar”, sinalou Fernández Davila

“Estas persoas non sabían a obriga de declarar na Axencia Tributaria estas pensións e está claro que en ningún momento tiveron intención de defraudar”, sinalou Fernández Davila, que solicitou tamén que se lles informe correctamente e se regularice a situación “sen multas”. Ademais, a deputada do BNG denunciou que “Galiza padeceu e segue a padecer unha emigración brutal”. 

Pola súa banda, a outra deputada nacionalista en Madrid, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na Cámara que insta ao Goberno a manter operativa a Axencia Consular de Basilea en Suíza -que pechará o 15 de setembro- “dado o alto número de emigrantes galeg@s que viven e traballan no país helvético, e que precisan dunha Administración consular próxima”. 

Pérez subliña que moitos emigrantes que fan uso do Consulado de Basilea son “persoas maiores, con problemas para viaxar ate Berna”. “Do outro lado temos agora a miles de moz@s nada familiarizados co país e a súa lingua, así como nos trámites a seguir e que máis que nunca precisan de atención por parte do Goberno”, aseverou. 



x